saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 5 de febreiro de 2020


5.3 60646 (10/PNP-004519)
Grupo Parlamentario Grupo Común da Esquerda
Jove González, Xan Xosé e Quinteiro Araújo, Paula
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para incrementar as posibilidades de pesca do sector do xeito, garantindo a sostenibilidade da especie en augas interiores
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 584, do 07.01.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a que no exercicio das competencias que lle son propias, estableza un plan de xestión propio para a arte do xeito, de tal forma que se incrementen as posibilidades de pesca para o sector,e se garanta á sostenibilidade da especie en augas interiores”.
 
5.4 60768 (10/PNP-004527)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Fernández Prado, Martín e 8 máis
Sobre as medidas que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para reclamar do Goberno español que rectifique a decisión de deixar sen servizo de venda presencial de billetes as estacións ferroviarias de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela e tome as medidas oportunas para garantir o mantemento deste servizo nas estacións afectadas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 587, do 10.01.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno español que rectifique a decisión de deixar sen servizo de venda presencial de billetes as estacións ferroviarias de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela e tome as medidas oportunas para garantir o mantemento deste servizo nas estacións afectadas”.
 
 
5.8 61990 (10/PNP-004619)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 15 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coas solicitudes prioritarias fixadas na Axenda Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o 31 de outubro de 2020.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 594, do 22.01.2020.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar perante o novo Goberno de España as demandas prioritarias fixadas no documento de Axenda Galicia aprobado polo Consello da Xunta de 31 de outubro de 2019, nomeadamente:
 
1. O pago da débeda pendente con Galicia no relativo á mensualidade do IVE de 2017 aínda non transferida (200 millóns de euros) e aos incentivos ás comunidades con bo desempeño financeiro (170 millóns de euros).
 
2. A negociación dun novo sistema de financiamento autonómico que pondere nunha maior medida cuestións como o envellecemento e a dispersión da poboación, cun efecto directo no custo de prestación dos servizos e, en consecuencia, das necesidade efectivas de gasto.
 
3. A aprobación á maior brevidade da comprometida Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico.
 
4. A defensa perante as institucións europeas da non diminución abrupta dos Fondos de Cohesión asignados a Galicia, así como a defensa dos intereses do noso sector pesqueiro no proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea.
 
5. A realización en Galicia das infraestruturas ferroviarias pendentes, nomeadamente a finalización do AVE nos prazos comprometidos, así como as súas conexións con Lugo ou Vigo, os investimentos relacionados coa inclusión no trazado do Corredor Atlántico Europeo, as actuacións de intermodalidade nas estacións ferroviarias, a planificación do ancho de vía, o reforzo dos servizos de viaxeiros ou a integración dos servizos ferroviarios co sistema autonómico de transporte metropolitano.
 
6. A transferencia á Xunta de Galicia da titularidade de AP-9 e AP-53, convenientemente financiadas para asumir os custos das actuacións, obras e rebaixas de peaxes comprometidas nas mesmas, así como daquelas outras transferencias que, contando co respaldo do Parlamento de Galicia, permitan unha mellor xestión desde a proximidade e dentro do marco constitucional e estatutario.
 
7. A realización dos restantes compromisos para atender as necesidades de Galicia en materia de estradas, particularmente as relacionadas coas autovías Lugo-Santiago, Ourense-Lugo, Vigo-O Porriño, A-8, A-57 ou autovía da Mariña así como actuacións demandadas noutras estradas como a FE-14, a variante de Ponteareas ou os tramos de concentración da accidentes identificados na rede estatal.
 
8. A execución e financiamento das obras hidráulicas de interese xeral do Estado, incorporando a estas o sistema de abastecemento da cidade de Vigo e da área sur da provincia de Pontevedra, así como a execución dos compromisos na dragaxe da Ría do Burgo e a implicación das confederacións hidrográficas no apoio aos concellos para o exercicio das súas competencias en materia de augas.
 
9. Un trato respecto ao financiamento e asunción de débedas contraídas para as autoridades portuarias galegas que sexa igualitario co acordo que se ten contraído ao respecto da autoridade portuaria valenciana.
 
10. A aprobación á maior brevidade posible dun Estatuto para os consumidores electrointensivos que recolla as demandas efectuadas por Galicia, así como a posta en marcha do resto de medidas necesarias para favorecer un prezo eléctrico estable que permita a continuidade de empresas como Alcoa.
 
11. A posta en marcha, a través da integración de Galicia nos correspondentes convenios e plataformas europeas, de  medidas efectivas para garantir unha transición ecolóxica xusta que evite o peche acelerado da central térmica das Pontes e busque unha alternativa industrial ao peche da de Meirama; ao tempo que se convoquen novas poxas de renovables que permitan incrementar aínda máis a potencia de enerxías renovables instalada en Galicia.
 
12. A adopción de medidas que rematen coas incertezas xeradas ao respecto do regulamento da Lei de Costas e que garantan a continuidade das concesións o autorizacións de usos no dominio público-marítimo terrestre.
 
13. O remate da incerteza respecto ao futuro do sector da automoción, evitando incrementar a fiscalidade da tecnoloxía diésel e cumprindo o compromiso de conectar Vigo coa rede de transporte de 220 kv a través da subestación eléctrica de Balaídos, fundamental para a competitividade da industria da automoción galega.
 
14. A consecución de carga de traballo para os estaleiros públicos de Navantia ata que non comece o corte de chapa para o contrato das fragatas F-110 así como o impulso do estaleiro 4.0 en para reforzar a competitividade das instalacións de Navantia Ferrol.
 
15. A toma áxil de medidas en relación co sector pesqueiro, resolvendo as dificultades burocráticas derivadas da aplicación da nova normativa estatal en materia de control de horarios laborais e promovendo os cambios que permitan facilitar a concesións de axudas a confrarías a través do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro.
 
16. O inicio dos traballos para un Pacto pola Educación que garanta a estabilidade e reforce a equidade do sistema, priorizando a aprobación dun modelo de acceso á profesión docente semellante ao MIR e a coordinación entre as comisións encargadas de elaborar as probas de acceso á universidade co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no conxunto do Estado.
 
17. A adopción de medidas para paliar a escaseza de profesionais da sanidade pública en prazas de difícil cobertura ou especialidades deficitarias como medicina de familia ou pediatría, comezando polas que xa foran acordadas en abril de 2018 polo consello interterritorial.
 
18. O incremento da achega da administración xeral do Estado no cofinanciamento das prestacións de dependencia ata chegar a ser equitativa coa que fai a administración autonómica, así como o incremento da achega estatal para compensar os gastos de transporte en consideración ás particularidade do territorio galego.
 
19. A necesaria colaboración económica por parte do Goberno central para estender a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos a todas as familias galegas.
 
20. A toma de medidas en materia de servizos sociais que permitan, por unha banda compensar á administración autonómica por gastos derivados de actuacións estatais (gastos das entidades que traballan coa discapacidade), recuperar fondos comprometidos que foron reducidos no actual exercicio (pobreza infantil, menores estranxeiros non acompañados), incrementar contías de programas insuficientes para atender a demanda actual en Galicia (plan concertado ou plan de desenvolvemento xitano) e cumprir os compromisos relativos á participación estatal no Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade.
 
21. A resposta á demanda conxunta de Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de creación dun novo xulgado do Social en Lugo.
 
22. En materia de seguridade, a incorporación de novos axentes á Unidade de Policía Adscrita a Galicia ata completar a súa dotación e a ampliación das taxas de reposición de efectivos que permitan levar a cabo a comarcalización dos parques de bombeiros das cidades.
 
23.  A axilización da execución dos fondos europeos destinados a cumprir os obxectivos de cobertura de banda larga fixados pola Unión Europea para 2020.
 
24. O apoio por parte da administración xeral do Estado ás candidaturas galegas a Patrimonio Mundial (Ribeira Sacra, Cíes-Illas Atlánticas e Ferrol da Ilustración) así como o remate dos compromisos adquiridos con investimentos culturais como o Museo Arqueolóxico de Ourense, a Biblioteca de Vigo ou a estratexia de dotacións culturais e turísticas nos faros galegos.
 
25. A aprobación dun plan estratéxico por parte do Goberno de España para o Xacobeo 2021 que recolla o cumprimento de compromisos por parte da administración xeral do Estado en materia de patrimonio cultural, seguridade viaria, promoción turística, delimitación e sinalización, así como a ampliación do Consello Xacobeo”
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina