saltar ao contido

O Parlamento de Galicia convoca un concurso de anteproxectos para mellorar a accesibilidade do Pazo do Hórreo e suprimir barreiras arquitectónicas

• O traballo gañador servirá de base para o proxecto definitivo das obras, que disporán dun orzamento máximo de 1,6 millóns de euros
 
• O Diario Oficial de Galicia publica este mércores as bases do concurso de ideas
 
• Búscase unha solución que permita recibir ás visitas nun espazo cuberto, protexido e acondicionado, onde se podan acreditar para acceder ao edificio, e tamén canalizar a circulación por percorridos protexidos e con pavimentacións axeitadas para persoas con mobilidade reducida
 
• O Parlamento optou convocar un concurso de ideas con intervención de xurado, xa que este procedemento permite obter un maior número de propostas, ao tempo que se estimula a creatividade e a participación do sector

Santiago, 30 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases dun concurso de ideas para a selección dun  anteproxecto orientado á mellora da accesibilidade ao Pazo do Hórreo para suprimir barreiras arquitectónicas e facilitar a recepción de visitas.
 
A solución técnica adoptada no seu momento para facilitar o acceso ordinario ao pazo do Hórreo presenta, arestora, notables carencias, especialmente para as persoas con diversidade funcional.
 
Na actualidade, o control de acceso está separado da entrada do edificio. Estes dous puntos están unidos por unha rampa dunha pendente próxima ao 20%, e cun pavimento irregular, circunstancias que dificultan a accesibilidade das persoas con problemas de mobilidade.
 
Ao tempo, nin a caseta de seguridade, nin a rampa que a comunica coa entrada ao edificio contan con elementos de protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas, polo que os grupos de persoas que visitan o Parlamento se ven obrigados a facer cola á intemperie. Esta carencia resulta especialmente molesta nos días de chuvia e afecta especialmente ás visitas escolares, de grupos da terceira idade e persoas con diversidade funcional. A maiores, o espazo de circulación de persoas é compartido co tráfico rodado de vehículos que saen do aparcamento do recinto.
 
Ademais dos problemas en materia de accesibilidade que presenta o edificio, a intervención resulta necesaria para poder atender o crecente volume de persoas que acoden ao Parlamento, tanto para participar na actividade institucional, como nas diferentes modalidades de visitas (portas abertas, visitas guiadas ou o Coñece as túas institucións dirixido ao estudantado galego).
 
Superar as carencias actuáis
 
O concurso de ideas convocado polo Parlamento de Galicia buscar dar resposta a todas estas carencias a través dun anteproxecto que mellore as condicións ambientais dos proxectos peonís, mellorando a accesibilidade, a recepción de visitas e o control de accesos ao edificio. Preténdese unha solución que permita recibir ás persoas que visiten o Pazo do Hórreo nun espazo cuberto, protexido e acondicionado, onde se podan acreditar para acceder ao edificio, e tamén canalizar a circulación por percorridos protexidos e con pavimentacións axeitadas para persoas con mobilidade reducida.
 
O acondicionamento e humanización dos accesos ao Pazo do Hórreo deberá articularse nunha edificación de baixo volume e integrada no xardín do complexo.
 
O Parlamento optou convocar un concurso de ideas con intervención de xurado, xa que este procedemento permite obter un maior número de propostas, ao tempo que se estimula a creatividade e a participación do sector.
 
O traballo gañador deste concurso de ideas servirá de base para a redacción do proxecto definitivo. As obras contarán cun orzamento máximo de 1,6 millóns de euros.
Premios.
 
O gañador do concurso de ideas recibirá un premio 18.000 euros, que irán a conta dos honorarios da redacción do proxecto arquitectónico. O concurso de ideas tamén contempla un segundo premio dotado con 8.500€ e tres accésit de 3.500€ cada un.
 
O xurado deste concurso de ideas valorará coa máxima puntuación características como a racionalidade técnica das solucións construtivas e das instalacións propostas; a calidade e durabilidade dos materiais e solucións utilizadas; a racionalidade construtiva e a viabilidade funcional da proposta, incluíndo a minimización dos futuros custes de mantemento e conservación; así como a adecuación e coherencia da idea proxectada co presuposto previo.
 
Xurado de expertos
 
O xurado de expertos encargado de avaliar e clasificar os proxectos estará integrado por nove persoas, das que seis serán arquitectos.  Antes da súa publicación, as bases do concurso foron enviadas ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para recabar as súas suxestións.
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina