saltar ao contido

Acordos da Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, celebrada o 4 de outubro de 2019

A  Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 4 de outubro de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 53976 (10/PNC-004297)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Blanco Paradelo, Moisés e 6 máis
Sobre as xestións que debe realizar a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, para avanzar decididamente en todo o relativo á constitución e funcionamento dos montes de varas, así como a regulación do rexistro público correspondente
BOPG n.º 522, do 30.08.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 11 votos a favor, 0 votos en contra e 1 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia para que, a través da Consellería de Medio Rural, e antes e que remate o ano 2019, proceda a realizar as xestións oportunas para avanzar decididamente en todo o relativo a constitución e funcionamento dos montes de varas, así como a regulación do rexistro público correspondente”.
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 53044 (10/PNC-004221)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rivas Cruz, José Luis e 5 máis
Sobre a modificación dos prazos establecidos nas bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados ás fragas por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal
BOPG n.º 517, do 05.08.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a
 
1.- Promover as modificacións necesarias na Orde de 19 de decembro de 2018 pola que se establecían as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados ás fragas por incendios, desastres naturais e catástrofes, en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) 2014-2020 coa finalidade de aprobar as prórrogas daqueles expedientes que o solicitaran ata o día 7 de outubro ou que, por informes complementarios necesarios doutros organismos, aínda non fosen aprobados.
 
2.- Que as próximas convocatorias de ordes de axudas se publiquen como anticipado de gasto e que, co obxectivo de axilizar os diferentes trámites administrativos, se habiliten as fórmulas necesarias para que estean dispoñibles antes do período de alto risco”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina