Santalices agradece o labor das entidades que traballan no ámbito da Síndrome de Down e insiste en que “superar as dificultades é posible"

 
• O presidente do Parlamento participou en Vigo no acto organizado co gallo do Día Mundial da Síndrome de Down

Santiago, 21 de marzo de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Vigo no acto organizado coincidindo coa celebración do Día Internacional da Síndrome de Down, onde felicitou e agradeceu o labor das entidades que traballan neste ámbito e lanzou unha mensaxe de esperanza. “Superar as dificultades é posible”, dixo.
 
Santalices referiuse ao 30 aniversario de Down Vigo, tres décadas que, ao seu xuízo,  acreditan “a utilidade, a necesidade e a eficacia práctica do traballo multidisciplinar que desenvolven entidades como Down Galicia e tantas outras que operan en Galicia e en España no ámbito da inclusión das persoas con algún tipo de diversidade”.
 
Defendeu o presidente do Parlamento a utilidade de celebracións como a de hoxe, Día Mundial da Síndrome de Down, na medida en que contribúen a facer visible esta realidade. Na súa opinión, a concienciación, xunto co traballo das organizacións, “resultan determinantes para avanzar na inclusión social e laboral, e tamén na independencia das persoas con Síndrome de Down”.
 
Paralelamente, Santalices Vieira recordou que todas as persoas “e moi especialmente cantos ostentamos responsabilidades públicas, temos a obriga de nos implicar activamente para avanzar na integración e na normalización da vida das persoas con discapacidade”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas