O Parlamento de Galicia acolle unha nova campaña de doazón de sangue na semana da conmemoración do 40 aniversario da Constitución española

• As catorce campañas de ADOS desenvolvidas na Cámara galega acadaron 367 doazóns de sangue
 
Santiago, 4 de decembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e maila directora da Axencia de Doazón de Órganos (ADOS) e Sangue, Marisa López García, visitaron este mediodía a unidade móbil da Axencia, que se desprazou ata a Cámara galega. Esta visita enmárcase na semana da conmemoración do 40 aniversario da Constitución española e nunhas xornadas festivas que motivan que o permanente chamamento á solidariedade dos cidadáns por parte de ADOS cobre unha especial importancia.
 
Unha unidade móbil de doazón de sangue desprázase polo menos dúas veces ao ano o Parlamento de Galicia, dentro da campaña de recollida de doazóns de sangue que efectúa a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en empresas e organismos públicos e que representa o 9% de todas as doazóns recollidas anualmente en Galicia. Ademais, dende o ano 2001, as unidades móbiles de ADOS visitaron en catorce ocasións o Parlamento de Galicia, acadando un total de 367 doazóns de sangue no transcurso destas visitas.
 
 
Agradecemento
 
Tanto o presidente do Parlamento como a directora de ADOS tiveron verbas de agradecemento para os cidadáns que doan sangue habitualmente pero, en especial nesta oportunidade, a todos os deputados e deputadas e aos profesionais que desenvolven o seu traballo no Lexislativo galego. Na última campaña de doazón desenvolvida no Parlamento de Galicia, no mes de maio do presente ano, doaron sangue 25 persoas.

Imaxes relacionadas