saltar ao contido

Diego Calvo presenta na Coruña o libro que certifica a orixe de Isabel Zendal, “heroína galega que merece figurar nos manuais de historia”

 
• Canda o libro, editado polo Parlamento de Galicia, presentouse tamén o “Espazo Isabel Zendal” na Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña
 
Santiago, 26 dem novembro de 2018.- A escasas datas do aniversario da partida, desde o porto da Coruña, da expedición Filantópica da Vacina, o 30 de novembro de 1803, o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso presentou na cidade herculina o libro Isabel Zendal nos arquivos de Galicia, que certifica a orixe galega da que é considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
 
O libro é obra do historiador e xornalista Antonio López Mariño e foi editado polo Parlamento de Galicia atendendo unha proposta da Asociación Isabel Zendal.
 
En palabras de Diego Calvo, coa publicación deste libro “sae definitivamente á luz o ADN identitario de Isabel Zendal e remátase coa infinidade de confusións que rodeaban a sua figura”. A investigación de López Mariño acredita que Isabel Zendal  naceu na aldea de Agrela, na parroquia de Santa Mariña de Parada, en Ordes, no derradeiro terzo do século XVIII.
 
Enfermidade erradicada
 
Isabel Zenal foi a responsable directa da atención aos nenos que portaban nos seus corpos a vacina da variola  que, deste xeito chegou a América e, desde alí, a Filipinas e a China. “Grazas a ela, ao seu traballo e á súa entrega, hoxe podemos falar dunha enfermidade erradicada e non dunha infección gravísima, mortal na meirande parte dos casos”, segundo lembrou Calvo Pouso.
 
Para o vicepresidente do Parlamento, coa edición deste libro, e a inauguración do denominado “Espazo Isabel Zendal”, na Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña, “lembramos a unha heroína galega que merece figurar nos  manuais de historia”. 
 
Diego Calvo aproveitou a presentación do libro sobre a enfermeira da expedición que contribuíu a erradicar a variola para “facer un chamamento e unha advertencia” fronte aos riscos que se derivan dos  movementos que rexeitan as vacinas.
 
O acto celebrado este mediodía na Coruña contou tamén coa participación do conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuíña; o autor do libro, Antonio López Mariño; e a presidenta da Asociación Isabel Zendal, Pilar Farjas.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina