saltar ao contido

Santalices: “A autonomía política que Galicia exerce arestora é tributaria do traballo que no pasado desenvolveron persoeiros como Castelao”


 
• O presidente do Parlamento participou na inauguración da exposición “Alba de Gloria   de Castelao. Unha experiencia”, organizada polo Consello da Cultura Galega 

Santiago, 7 de novembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde na inauguración da exposición “Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia” organizada polo Consello da Cultura Galega e que quedou aberta ao público na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago.  
 
Santalices felicitou ao equipo do Consello de Cultura Galega por este traballo e destacou o labor do comisario da mostra, Manuel Gago, por ter deseñado unha iniciativa que “axudará a coñecer e interpretar mellor a nosa historia e os seus protagonistas”.
 
O presidente do Parlamento reiterou que “a autonomía política que Galicia exerce hoxe é tributaria do traballo previo que no pasado desenvolveron persoeiros como Castelao, como Alexandre Bóveda, como Rajoy Leloup ou como Otero Pedrayo, por citar tan só algúns da extensa nómina de galegos bos e xenerosos aos que recordaremos sempre pola súa absoluta entrega a Galicia”.
 
Nesta liña, Santalices amosouse convencido de que “esta exposición contribúe a saldar a débeda de recoñecemento público que as xeracións actuais mantemos tanto con Castelao como cos demais patriotas galegos coetáneos”.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina