A Cámara galega organiza unha Xornada de formación sobre técnica parlamentaria para xornalistas

 
 
• Está orientada a xornalistas que cubren información parlamentaria e enmárcase na aposta de Pilar Rojo por abrir as portas da Cámara e mellorar a comprensibilidade dos trámites e debates
 
Santiago, 26 de xaneiro de 2011.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro luns, 31 de xaneiro, unha Xornada de formación sobre técnica parlamentaria orientada a xornalistas que cubren a actividade do Lexislativo autonómico.
 
Esta actividade formativa, que se desenvolverá en horario de mañá e será impartida por persoal da Cámara autonómica, enmárcase na aposta da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, por abrir as portas da institución e mellorar a comprensibilidade dos trámites e debates que se desenvolven no Pazo do Hórreo.
 
Formación e información práctica
 
Entre os obxectivos desta xornada formativa destaca ofrecer formación e información práctica orientada a mellorar a comprensibilidade dos diferentes traballos que se desenvolven na Cámara lexislativa galega, abordando aspectos como os procedementos lexislativos, procedementos de control e impulso da acción de Goberno, afondando na definición, finalidades, trámites e prazos dos mesmos.
 
Os participantes nesta xornada tamén terán oportunidade de coñecer a ferramenta para o acceso a documentos, expedientes, preguntas parlamentarias e vídeos na web do Parlamento de Galicia. No tramo final da xornada, os inscritos terán ocasión de plantexar as dúbidas que se suscitan con maior frecuencia en relación cos diferentes trámites e procedementos parlamentarios.
 
O prazo para formalización de inscricións está aberto durante toda esta semana e os participantes que o soliciten recibirán un certificado acreditativo da súa asistencia.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación
 

 

Imaxes relacionadas