• Estas actividades contaron coa asistencia de máis de 4.000 alumnos de ESO, Bacharelato e universidade
Santiago, 17 de xullo de 2018.- O Parlamento de Galicia e a Asociación de Ex parlamentarios/as da Cámara organizaron durante o curso 2017-2018, un total de 58 charlas divulgativas para dar a coñecer a realidade e o funcionamento do Lexislativo autonómico. Os cálculos da Asociación de Ex Parlamentarios/as sinalas que participaron nestas actividades divulgativas máis de 4.000 alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e tamén universitarios.
O ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia púxose en marcha no ano 2011 para dar a coñecer a institución ao estudantado de ESO e Bacharelato. As charlas son impartidas por ex deputados da Cámara desde unha óptica plural na medida en que habitualmente participan representantes de tres formacións políticas diferentes. A actividade comeza coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento e, logo da exposición de cada un dos relatores, o alumnado abre unha rolda de preguntas.
No curso actual, este ciclo de charlas estendeuse tamén ao ámbito universitario, no que se celebraron 7 charlas.
A aceptación desta actividade por parte da comunidade educativa presenta unha tendencia ascendente, ao pasar das 20 charlas celebradas na primeira edición ás 58 deste curso.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, expresa o seu agradecemento aos integrantes da Asociación de Ex Parlamentarios que participaron na organización e impartición desta actividade.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.