saltar ao contido

O Parlamento de Galicia súmase ao loito polo falecemento de Fernández Albor

 
• As bandeiras ondean a media hasta en sinal de loito e o presidente do Parlamento púxose a disposición da familia do falecido
 
Santiago, 12 de xullo de 2018.- O Parlamento de Galicia sumouse aos tres días de loito oficial decretados tras o falecemento do ex-presidente da Xunta e ex-deputado Gerardo Fernández Albor.
 
Deste xeito, as bandeiras ondean a media hasta no Parlamento desde este mediodía e o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, trasladou, en nome propio e no do Parlamento, as súas condolencias á familia do falecido no tanatorio compostelán onde se velan os restos de Fernández Albor.
 
Nada máis ter coñecemento do óbito, o presidente do Parlamento púxose a disposición da familia do falecido.
Santalices Vieira, considera  a Fernández Albor “un dos piares da autonomía galega”. Ao seu xuízo, a sociedade galega está en débeda con Fernández Albor polo seu traballo “sempre desinteresado, mais non sempre comprendido no seu tempo, na edificación do autogoberno de Galicia”.
 
“O legado de Fernández Albor, galego universal, que amou intensamente a Galicia sen deixar por iso de sentirse profundamente español e europeo, permanecerá imperecedoiro na memoria colectiva. Descanse en paz un galego bo e xeneroso”, afirma Santalices.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina