saltar ao contido

Diego Calvo reivindica o esforzo do Parlamento para recuperar a confianza da cidadanía e subliña que a Cámara “é de todas as galegas e galegos”

 
• Escolares das catro provincias participan nun pleno organizado coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS Galicia no marco do programa “Deputados por un día”, dedicado este ano ao valor da confianza

Santiago, 1 de xuño de 2018.- Escolares dos colexios Sagrado Corazón de Jesús de Castiñeiras (A Coruña), Galén (Lugo), Julio Gurriarán Canalejas de O Barco (Ourense), e A Guía de Meira (Pontevedra) participaron hoxe na Cámara galega nun pleno organizado coa colaboración de Aldeas Infantiles SOS Galicia no marco do proxecto “Deputados por un día”. Con este pleno infantil culminan as actividades organizadas por Aldeas Infantiles ao abeiro do programa “Abraza os teus valores”, que neste curso xirou arredor da confianza.
 
O vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso, presidiu a sesión na que alumnado dos centros participantes formulou diferentes compromisos que foron votados polos asistentes.
 
Na intervención de clausura, Calvo Pouso felicitou aos participantes e agradeceu a Aldeas Infantiles a organización desta iniciativa, que cumpre 20 anos de existencia. Recordou que Aldeas Infantiles SOS Galicia foi galardoada este ano coa Medalla do Parlamento de Galicia en recoñecemento ao seu traballo a prol da infancia.
 
O valor da confianza
 
O vicepresidente da Cámara valorou a decisión de Aldeas Infantiles de propoñer a centros educativos e familias traballar e reflexionar durante o curso que remata sobre o valor da confianza. Ao seu xuízo, “a confianza constitúe a base de calquera relación e en calquera ámbito: nas relacións persoais, na familia, no ensino ou no entorno laboral”.
 
Recordou que o Parlamento de Galicia impulsa tamén diferentes iniciativas encamiñadas a “recuperar a confianza das galegas e galegos”. “O Parlamento –sinalou- non é dos deputados e deputadas; o Parlamento é voso, é da xente; é de todas as galegas e galegos”.
 
Obrigas do Parlamento
 
De xeito paralelo á estratexia encamiñada á apertura do Parlamento á sociedade, o vicepresidente da Cámara sinalou tamén que para que a cidadanía teña confianza no poder Lexislativo, é necesario “elaborar boas leis, que sexan útiles para as persoas; e tamén, por suposto, ser os primeiros en dar exemplo e respectar todas as leis”. Para Diego Calvo, “un Parlamento que non respecta as leis  non é digno de chamarse así, nin é merecente da confianza das persoas ás que representa”.
 
O presidente de Aldeas Infantiles SOS, Pedro Puig Pérez, reivindicou o traballo da organización que dirixe e agradeceu a Medalla que o Parlamento de Galicia lle concedeu este ano.
 
Tamén asistiron ao pleno infantil as deputadas Paula Prado e Luca Chao; así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Amparo González Méndez. 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina