saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 25 de abril de 2018

 

4.1 22812 (10/PNP-001678)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
López Crespo, Carlos Enrique e 7 máis
Sobre o desenvolvemento pola Xunta de Galicia do Plan estratéxico da conserva, horizonte 2020, así como o inicio, en colaboración co sector, da elaboración e redacción do Plan estratéxico do conxelado, co horizonte en 2025
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 247, do 25.01.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver o Plan Estratéxico da Conserva   Horizonte   2020,   que   recolle   as   liñas   principais   para   asegurar   a competitividade e viabilidade do noso sector cara ao futuro, así como a iniciar, da man do  sector, a  elaboración  e  redacción  do  Plan  estratéxico  do  Conxelado,  co  horizonte posto en 2025 e centrando os obxectivos da competitividade deste eido produtivo para determinar as oportunidades que se abren neste sector e fortalecer as liñas de traballo que permitan a expansión da produción e a obtención de maior valor engadido para os nosos produtos”

4.6 28162 (10/PNP-002023)
Grupo Parlamentario de En Marea
Villares Naveira, Luis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para solicitar do Goberno central a modificación das bases das convocatorias dos organismos autónomos adscritos ao Sistema nacional de saúde para garantir a inclusión de cláusulas de non discriminación polo exercicio de dereitos laborais por razón de maternidade e a revisión de procedementos administrativos firmes e non firmes onde se puidera ter dado unha situación de discriminación
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 284, do 27.03.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a  dirixirse ao Goberno central para:
 
1.- Modificar as bases das convocatorias dos organismos autónomos adscritos ao Sistema   Nacional   de   Saúde   para   garantir   que   se   inclúan   nas   bases   de contratación, dos concursos públicos e bolsas de investigación, cláusulas de non discriminación  polo  exercicio  dos  dereitos  laborais  recoñecidos  legalmente  por razón  de   maternidade,  de  igual  forma  que  se  fai  xa  actualmente  no  espazo Europeo.
 
2.- Iniciar procesos de revisión de procedementos administrativos firmes onde se producisen  esta  clase  de  discriminacións  para  revogar  de  oficio  as  situacións xurídicas individualizadas nas que xa se teña vulnerado, coma no caso de María de la Fuente, o dereito á igualdade polo simple exercicio dos dereitos laborais no período de valoración curricular.
 
3-.  Recoñecer,  en  procedementos  administrativos  ou  xudiciais  non  firmes,  a situación de discriminación producida e recoñecer as pretensións de tratamento”.
 
4.7 28519 (10/PNP-002062)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Arias, Marta e 8 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da posta en marcha, en coordinación coas comunidades autónomas e os concellos, da  tarxeta social universal
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 287, do 04.04.2018
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para:
1.- Demandar a inmediata posta en marcha da tarxeta social de carácter universal, en coordinación coas Comunidades Autónomas e os concellos no marco das súas competencias, a fin de que os cidadáns e cidadás poidan beneficiarse á maior brevidade das vantaxes inherentes á mesma.
 
2.- A tarxeta social configurarase como instrumento técnico básico de transparencia e coordinación, que permitirá recoller o conxunto da información relevante, co obxectivo de facilitar e axilizar as xestións necesarias”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina