saltar ao contido

A Mesa do Parlamento reitera que a destrución da imaxe do xefe do Estado nunha sesión da Cámara é unha conduta impropia dun membro da Cámara

 
• A Mesa e Xunta de Portavoces analizaron o informe dos Servizos Xurídicos que conclúe que, unha vez rematado o debate, nin a Presidencia nin a Mesa teñen competencias sancionadoras
 
• A Mesa da Cámara reprenderá ao deputado por escrito 
 
Santiago, 13 de abril de 2018.- A Mesa e a Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia analizaron hoxe  o informe elaborado polos Servizos Xurídicos da Cámara en relación cos feitos rexistrados no Pleno o pasado 11 de abril.
Este informe conclúe que, unha vez rematado o debate, o presidente e a Mesa da Cámara carecen de competencias sancionadoras (económicas ou de dereitos parlamentarios) para impoñer ao deputado.
 
A Mesa do Parlamento acordou dirixirse ao deputado para recordarlle que os feitos ocorridos na sesión plenaria do 11 de abril de 2018 supoñen un claro incumprimento dos deberes das deputadas e deputados previstos no artigo 13 do Regulamento do Parlamento de Galicia, ao tempo que lle lembra que o artigo 105.1º sanciona as condutas contrarias ao decoro da Cámara e dos seus membros, das institucións do Estado ou de Galicia, ou de calquera outra persoa ou entidade.
 
A Mesa reitera que a destrución da imaxe fotográfica do xefe do Estado nunha sesión da Cámara é unha conduta digna de reproche en sede parlamentaria e impropia dun membro desta Cámara.
 
Preservar a tribuna como espazo institucional
 
O presidente do Parlamento aproveitou a reunión da Xunta de Portavoces para comunicar aos representantes dos diferentes grupos parlamentarios o seu compromiso de reforzar a observancia do Regulamento co obxectivo de que se respecte o decoro da Cámara, dos seus membros e das institucións, e tamén para preservar a tribuna de oradores como espazo institucional.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 
 
 
 
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina