saltar ao contido

Acordo da Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, celebrada o 16 de marzo de 2018

A Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, na súa sesión do 16 de marzo de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso

 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 26063 (10/PNC-002004)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Rodríguez Rumbo, Matilde Begoña e dous deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para a reforma do marco normativo en materia económica, orzamentaria e contable, a implantación da rendición telemática da Conta xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa elaboración, así como a aprobación dun novo plan de contabilidade pública
BOPG n.º 264, do 21.02.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes con dereito a voto.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que:
 
1º.- Aborde a reforma e actualización do marco normativo en materia económica, orzamentaria e contable, que inclúa a aprobación dun novo plan de contabilidade pública da Comunidade Autónoma que cumpra co proceso de harmonización contable das normas internacionais aplicables á contabilidade do sector público. Así como as directrices necesarias para poder acadar unha visión consolidada das contas do sector público autonómico.
2º.- Avance na implantación da rendición telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.
3º.- Realice, en aras ao cumprimento do principio de transparencia da actividade pública, unha revisión do contido da memoria da Conta Xeral, incorporando información sobre todos aqueles aspectos previstos na normativa de aprobación e, en especial, dos seguintes aspectos:
a) da situación financeira global do sector público autonómico;
b) da execución de beneficios fiscais;
c) do volume de endebedamento e grao de cumprimento de obxectivos;
d) do estado agregado dos compromisos de gastos futuros do sector público autonómico."
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina