saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o Día dos Medios en Galego

O Parlamento de Galicia súmase á celebración do Día dos Medios en Galego, o 7 de febreiro, que lembra a saída á rúa do primeiro número d’O Tío Marcos d´a Portela, o 7 de febreiro de 1876. A histórica publicación ourensá foi a primeira escrita integramente en idioma galego. Subtitulada Parrafeos co pobo galego e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.
 
O escritor e editor da cidade das Burgas recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular e expresou os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. Con moito humor, sentido crítico e ironía, Valentín Lamas soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural.  Nas páxinas d’O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva —os denominados trabucos— o atraso da agricultura, os foros, o caciquismo, a corrupción, as malas comunicacións e a febleza da industrialización.
Ao Tío Marcos sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento —que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal— no ámbito máis inmediato e popular.
 
Desde os poderes públicos debemos contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na busca de solucións.
 
Desde o coñecemento e a reivindicación desta longa tradición do xornalismo na nosa lingua, consideramos que o 7 de febreiro, Día dos Medios en Galego, é unha boa ocasión para visibilizarmos os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país. Apoiándoos estaremos avanzando no camiño de compromiso coa nosa realidade e orgullo polo propio iniciado no Rexurdimento. Por todo isto, pedímoslle ao conxunto da sociedade civil que se sume a esta conmemoración.
 
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2018
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina