Declaración institucional sobre o Día de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto

O 1 de novembro de 2005, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa 42ª sesión plenaria, reafirmou que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros doutras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos.
 
E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto, todas elas vítimas do nazismo, entre as que se contan tamén galegos e galegas.
 
O Holocausto é o resultado dun programa de persecución, encarceramento e exterminio levado a cabo polo nazismo que asasinou a máis de seis millóns de persoas. Tivo a súa orixe no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista.
 
En particular, este Parlamento quere lembrar os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano. Segundo algunhas fontes historiográficas, preto de 200 deles eran orixinarios de Galicia e morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista, que lles retirara previamente a nacionalidade, lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe.
 
Por todo isto, o Parlamento de Galicia fai súa a declaración da Asemblea Xeral das Nacións Unidas na que rexeitou toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.
 
O Parlamento de Galicia constata, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinan actos de barbarie aldraxantes para a conciencia humana.
 
O Parlamento de Galicia, un ano máis e de acordo coa letra e co espírito da Declaración do 1 de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama a Xunta a traballar arreo contra os posible brotes de racismo, xenofobia e discriminacións baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e os cidadáns e as súas organizacións a permaneceren vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentar entre nós nin en ningún lugar do mundo.
 
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2018

Imaxes relacionadas