Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 20 de decembro de 2017


3.1 17087 (10/PNP-001290)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e sete deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central, así como á empresa concesionaria da AP-9, para mellorar a calidade de vida e minimizar o impacto das diversas infraestruturas de comunicación na parroquia de Chapela, no concello de Redondela
Publicación da iniciativa, BOPG nº 182, do 27.09.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para:
 
1. Formular, na vindeira sesión da Comisión Mixta para a xestión da AP-9, posibles fórmulas para suprimir a peaxe de Rande en condicións de uso equiparables ao tramo da AP-9 comprendido entre Vigo e O Morrazo.
 
2. Demandar ao Ministerio de Fomento que analice a viabilidade da apertura da saída coñecida como Torres de Padín, situada na parroquia de Chapela, no termo municipal de Redondela.
 
3. Axilizar a reclasificación urbanística como solo dotacional do terreno denominado finca da Ginaria, onde se localizará o novo centro escolar Igrexa, a fin de dar comenzo á súa construción no prazo legal máis breve posible.
 
4. Ratificar o compromiso de construción dunha escola infantil nos terreos denominados finca da Ginaria, unha vez completada a correspondente reclasificación urbanística por parte do Concello de Redondela.
 
5. Dirixirse ao Ministerio de Fomento e a Autopistas del Atlántico S. A. para que, no marco das obras de ampliación da capacidade da AP-9 que se están a realizar na entrada de Vigo, a concesionaria proceda a cumprir co seu compromiso de instalar pantallas antirruído naqueles puntos onde sexa necesario de acordo coa normativa vixente, e a adoptar medidas paliativas que minimicen o impacto da autoestrada e melloren a compatibilidade desta infraestrutura coa contorna construída e co día a día dos veciños.
 
6. Demandar ao Ministerio de Fomento a urbanización da avenida de Redondela (N-552) garantindo as condicións de seguridade vial, accesibilidade e mellora da mobilidade peonil.
 
7. Demandar ao Goberno de España as medidas necesarias para garantir o mantemento ininterrompido do servizo de correos en Chapela, facilitando o traslado das actuais instalacións a outra localización na parroquia e permitindo a materialización dos acordos alcanzados entre o concello de Redondela e Audasa para a mellora da mobilidade no Camiño da Igrexa.
 
8. Dirixirse ao Ministerio de Fomento para que demande da concesionaria Audasa o tratamento do tramo da AP-9 que transcorre por Chapela como tramo urbano, establecendo os correspondente protocolos de iluminación e mantemento de conformidade coa antedita condición.
 
9. Demandar da concesionaria Audasa o cumprimento dos acordos alcanzados co Concello de Redondela e cos representantes veciñais no seo da Comisión Especial de Seguimento das obras de ampliación da AP-9 creada no Concello de Redondela para a mellora de Chapela e Rande en materia de dotacións, accesos e posta en valor do patrimonio cultural e histórico da contorna.
 
10.  Trasladar ao Ministerio de Fomento e á concesionaria Audasa o seu apoio á solicitude realizada polo Concello de Redondela e o tecido asociativo de Chapela de acompasamento da apertura do novo carril ao seu paso polo colexio da Igrexa, ao traslado do alumnado ao novo colexio a localizar na finca da Ginaria.»

3.2 19755 (10/PNP-001466)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e cinco deputados/as máis
Sobre a solicitude polo Goberno galego ao grupo Ferroatlántica-Ferroglobe do mantemento en Galicia de todos os investimentos e postos de traballo derivados da fabricación de silicio solar, así como a realización das actuacións necesarias para favorecer o desenvolvemento na comunidade autónoma da totalidade do ciclo produtivo
Publicación da iniciativa, BOPG nº 211, do 15.11.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia acorda instar a Xunta de Galicia a solicitar do grupo Ferrotlántica-Ferroglobe que todos os investimentos e postos de traballo derivados da fabricación en todas as súas fases de silicio solar teñan lugar en Galicia, atendendo ás concesións que actualmente ten outorgado este grupo empresarial sobre os nosos recursos minerais, así como a levar a cabo as actuacións necesarias para favorecer o peche do ciclo produtivo no noso país.»
 
3.3 20696 (10/PNP-001541)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso e oito deputados/as máis
Sobre o impulso pola Xunta de Galicia das medidas tendentes á dotación nos edificios públicos de baños adaptados para os pacientes ostomizados
Publicación da iniciativa, BOPG nº 222, do 04.12.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Dotar de modo progresivo de aseos adaptados para pacientes ostomizados en todos os edificios da Xunta de Galicia, e a que desde o Goberno autonómico de Galicia se fomente que no resto de infraestruturas tanto públicas como privadas se poida dispoñer deste tipo de baños.
 
2- Solicitar ao Goberno de España que realice as actuacións normativas que procedan para incorporar ao Código Técnico da Edificación a obriga de dotar os edificios públicos de baños adaptados para estes pacientes.»
 
3.6 20958 (10/PNP-001566)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Fernández Leiceaga, Xoaquín María e tres deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para a integración da conexión ferroviaria dos portos galegos de interese xeral na Rede transeuropea de transportes, redeseñando o trazado do corredor atlántico de mercadorías, así como as demandas que debe realizar ao Goberno central ao respecto
Publicación da iniciativa, BOPG nº 222, do 04.12.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Defender a redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías, de xeito que incorpore e priorice a conexión ferroviaria dos portos galegos de Vigo e A Coruña co seu trazado español actual, a través de Monforte, León e Palencia.
 
2. Demandar do Goberno de España que defenda nas instancias europeas esta redefinición do Corredor Atlántico de Mercadorías.
 
3. Impulsar a colaboración doutras comunidades autónomas, concellos e deputacións provinciais para facer avanzar esa proposta.
 
4. Establecer o ano 2018 como referencia para acadar esta redefinición, de xeito que poida incluírse o seu financiamento no próximo período comunitario de programación.
 
5. Demandar do Goberno de España que dea traslado desta demanda á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo, ao Consello Europeo, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións.
 
6. Dar traslado deste acordo aos gobernos e parlamentos autonómicos de Asturias e Castela-León, para continuar avanzando na fronte común iniciada coa declaración institucional conxunta de apoio e impulso á modificación do Corredor Atlántico asinada polos tres gobernos autonómicos en Santiago de Compostela na data 9 de outubro de 2017.»

Imaxes relacionadas