saltar ao contido

O presidente do Parlamento rende homenaxe a Domingo Fontán, “científico pioneiro” en moitos ámbitos

 
• A localidade natal do autor da Carta Xeométrica de Galicia acolleu este sábado unha xornada divulgativa organizada pola Cámara galega coincidindo co 200 aniversario do inicio dos traballos do primeiro mapa científico do país
 
• Santalices anima vencer a “lenda negra” que sume no esquecemento a personalidades como Fontán

Santiago, 16 de decembro de 2017.-  O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, clausurou este mediodía en Porta do Conde (Portas) a xornada divulgativa “Domingo Fontán e a evolución da cartografía”, organizada pola Cámara galega coa colaboración do Concello de Portas e  Asociación Domingo Fontán coincidindo co 200 aniversario do comezo dos traballos de elaboración da Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico do país.
 
Na súa intervención, o presidente do Parlamento afirmou que esta xornada pretende render homenaxe e enxalzar a personalidade e o traballo de Domingo Fontán, un “científico pioneiro” en moitos ámbitos; inxustamente tratado no seu tempo e esquecido despois da súa morte, malia que o seu principal traballo –a denominada Carta Xeométrica de Galicia- que comezou a elaborar en 1817- fose unha iniciativa absolutamente novidosa e que seguiu sendo útil ata ben entrado o século XX.
 
A xornada enmárcase nun acordo do pasado mes de abril no que a Cámara  instaba a difundir a vida e obra de Fontán ao cumprirse o segundo centenario  do inicio da Carta Xeométrica.  Celebrouse na localidade natal do científico homenaxeado porque, segundo explicou Santalices, o Parlamento debe saír do Pazo do Hórreo, “estar entre a xente, non ser herméticos, e así o estamos facendo”.
 
Adiantado so seu tempo
 
O titular do Parlamento destacou a personalidade polífacética de Fontán, un “adiantado ao seu tempo, tamén en materia pedagóxica”. Fontán, posuidor de coñecementos enciclopédicos, foi un dos primeiros catedráticos da Universidade de Santiago que deixou de empregar o latín nas súas clases na procura dun maior rendemento académico dos seus discípulos.
 
Superar a lenda negra
 
O presidente do Parlamento animou a superar a “lenda negra” que incide nas “desgrazas” e feitos positivos, e frea o recoñecemento que merecen personalidades como Domingo Fontán.
 
Galicia ocupou tamén boa parte do quefacer de Fontán como deputado a Cortes en tres etapas diferentes.
 
O presidente do Parlamento adiantou que  a Cámara galega ten intención de recompilar nun libro electrónico as intervencións dos expertos que participaron na xornada celebrada hoxe en Porta do Conde coa intención de preservar e divulgar o contido das mesmas.
 
Programa
 
“Domingo Fontán, aproximación á súa figura” foi o título da primeira mesa redonda desta xornada e contou participación  da vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Margarita Barral; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez; e o catedrático de Lingua e Literatura do IES As Lagoas de Ourense, Alfonso Vázquez Monxardín.  Foi moderada polo alcalde de Portas, Víctor Estévez.
 
A segunda das mesas redondas do programa versou sobre “Cartografía en Galicia, onte e hoxe. De percorrer Galicia a pé a comezos do século XIX á cartografía por satélite”. Estivo moderada pola vicepresidenta da Asociación Domingo Fontán, Mª Rebeca López; e contou coa participación da directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Francisco Ramón Durán; e o experto en cartografía, doutor en Xeografía e profesor da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, Gonzalo Méndez.
 
Na clausura da xornada participaron a presidenta da Asociación Domingo Fontán, Concha Méndez; o alcalde de Portas, Víctor Estévez; e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de pechar a actividade.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina