Acordos da Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada o día 12 de decembro de 2017

A Comisión 2.ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 12 de decembro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 15504 (10/PNC-001344)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Barreira, María Julia e 8 máis
Sobre a implantación polo Goberno galego, nas estradas autonómicas, de medidas deseñadas para a mellora da seguridade viaria das persoas usuarias máis vulnerables
BOPG n.º 174, do 13.09.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a implantar medidas deseñadas para a mellora da seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables nas estradas autonómicas, como peóns, ciclistas e motoristas, habilitando sendas, instalando sistemas de protección dos motoristas (SPMs), eliminando obstáculos e promovendo accións de formación e sensibilización."
 
Aprobación con modificacións
 
- 20537 (10/PNC-001672)
Grupo Parlamentario de En Marea
Sánchez García, Antón e Cal Ogando, Marcos
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir o abastecemento de auga aos concellos que se atopen en situación de alerta ou emerxencia a consecuencia da seca e a adaptación do Plan seca e do Plan Auga ao novo escenario marcado polo cambio climático, así como a eficiencia no uso e na xestión da auga
BOPG n.º 219, do 29.11.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 11 votos a favor, 0 votos en contra e 1 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Establecer de xeito acordado e conveniado cos concellos que se atopen en situación de alerta ou de emerxencia, en especial cos de menos de 20.000 habitantes, as medidas necesarias para garantir un correcto abastecemento de auga, de xeito que se poidan executar as obras ou actuacións de urxencia necesarias para garantir dito abastecemento.
 
2. Seguir avanzando na mesa de Augas dentro da Estratexia de Cambio Climático incorporando, á maior brevidade posible, a actualización do Plan da Seca e do Plan da Auga nos que xa se está traballando.
 
3. Seguir avanzando nas mesas do Pacto Local da Auga, e en colaboración cos concellos, co obxectivo de facer máis eficiente o ciclo integral da auga a través de medidas como a estrutura tarifaria (diferenciando e discriminando dun xeito mais ponderado os usos doméstico e industrial, -grandes consumidores-, a prol do doméstico) así como a eficiencia no seu uso."
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 10400 (10/PNC-001075)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa e 3 máis
Sobre o impulso pola Xunta de Galicia do desenvolvemento dun plan de fomento de novas solucións habitacionais para colectivos de maiores
BOPG n.º 132, do 21.06.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover e impulsar medidas destinadas a establecer formas alternativas de vivenda para as persoas maiores (como o cohousing ou vivendas con equipamentos colectivos), nas que se fomente o envellecemento activo e se proporcione ás persoas maiores o pleno control sobre os espazos que habitan e o modo en que queren envellecer.

Entre estas medidas contémplase:
 
1. Poñer en marcha medidas de colaboración co sector privado que favorezan o acceso a solo público ou vivendas para rehabilitación a través da cesión de uso, dereito de superficie, compravenda con pago aprazado ou arrendamento.
 
2. Implantar programas de asesoramento e información para dar a coñecer estas novas fórmulas habitacionais.
 
3. Facilitar o acceso dos promotores deste tipo de vivendas colectivas ás axudas públicas."
 
- 20399 (10/PNC-001658)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación cos solos contaminados con lindano no concello do Porriño e os posibles riscos para a saúde das persoas
BOPG n.º 219, do 29.11.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Rematar no máis breve prazo de tempo posible o estudo exhaustivo que se está realizando sobre os solos contaminados con lindano no concello do Porriño.
 
2. Unha vez coñecidos os resultados do estudo e localizadas as zonas contaminadas, realizar en colaboración co Concello un proxecto de descontaminación das zonas afectadas. Este proxecto deberá comezar a executarse ao longo do ano 2018.
 
3. Continuar adoptando, en coordinación co Concello do Porriño, as medidas preventivas necesarias para evitar riscos para a saúde das persoas.
 
4. Colaborar coa Confederación Hidrográfica Miño Sil e co Concello do Porriño para garantir o abastecemento inmediato de auga á poboación afectada."
 

Imaxes relacionadas