saltar ao contido

O Pazo do Hórreo acolle o V Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-Unicef centrado no cambio climático

• O  vicepresidente da Cámara, Diego Calvo reitera o “compromiso” da institución cos dereitos da infancia, porque “nada hai máis importante que o futuro das persoas”
 
• O Pleno infantil contou coa participación de alumnado de catro centros de Santiago: CPR Manuel Peleteiro, La Salle, Santa Apolonia e IES Xelmírez I
 
Santiago, 24 de novembro de 2017.- O Lexislativo autonómico acolleu hoxe o V Foro de Participación Infantil Parlamento de Galicia-UNICEF, coincidindo coa semana na que se celebra o Día Universal do Neno, instaurado pola ONU para reflexionar sobre  os dereitos da infancia.
 
O vicepresidente primeiro da Cámara, Diego Calvo Pouso presidiu o acto, no que reiterou o “compromiso” do Parlamento de Galicia  coa Convención sobre os dereitos do neno e coa infancia, “compromiso que é reflexo do sentir real do conxunto da sociedade galega, das propias familias; e así debe ser porque nada hai mai máis imporante que o futuro das persoas”.
 
O Pleno infantil contou coa participación de alumnado escolarizado en catro centros educativos de Santiago de Compostela que responderon á invitación de UNICEF:  os CPR Manuel Peleteiro, La Salle e Santa Apolonia, e o IES Xelmírez I.
 
A intervención de Diego Calvo foi precedida pola da presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito. O acto contou coa participación de integrantes da Mesa da Cámara e deputadas e deputados dos grupos parlamentarios.

Cambio climático
 
Nesta convocatoria, UNICEF propuxo aos participantes reflexionar sobre o cambio climático,  unha realidade que, en opinión de Diego Calvo, “probablemente chegou para quedarse e da que todos somos testemuñas, con realidades ben próximas como a intensa seca deste outono”.
 
Logo de escoitar as intervencións do alumnado, o vicepresidente da Cámara amosouse convencido de que “as nenas e nenas que vos estades formando para tomar as rendas do mundo nun futuro próximo seredes quen de reverter a situación actual cara o imprescindible equilibrio entre o home e a natureza”.
 
Calvo Pouso subliñou que “todos podemos e debemos facer algo para frear o cambio climático e apostar por un futuro sustentable”. Apuntou, como exemplo, que o Parlamento de Galicia aposta polo uso de enerxías renovables, minimiza a xeración de residuos, aposta pola reciclaxe e potencia o aforro enerxético.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina