saltar ao contido

O Parlamento de Galicia patrocina un ciclo de foros organizado polo Museo do Pobo Galego no seu 40 aniversario

• O noso pobo. De hoxe noutros corenta anos será o título dos nove foros que se celebrarán entre maio e decembro de 2017
• Santalices anima a apoiar o labor e o espírito do Museo do Pobo Galego
 
Santiago, 4 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia apoiará ao Museo do Pobo Galego na celebración do 40 aniversario desta institución museística patrocinando a celebración dun ciclo de 9 foros que baixo o título O noso pobo. De hoxe noutros corenta anos, se celebrará entre maio e decembro deste ano.
 
O compromiso quedou plasmado nun convenio de colaboración asinado entre o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o presidente do Padroado Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, no transcurso dunha visita dos integrantes da Mesa da Cámara galega á sede do Museo.
 
Institución singular
 
Durante o acto, o presidente do Lexislativo galego chamou a atención sobre a singularidade e o valor desta institución museística, posta en marcha en 1977, e  sinalou que non resulta frecuente contar con institucións análogas ao Museo do Pobo Galego, co que, na súa opinión, Galicia “ten unha débeda” polo labor que desenvolve no eido da preservación e divulgación da identidade cultural e a historia da Comunidade.
 
Santalices recordou que Ramón Piñeiro definía o Museo do Pobo Galego como o “fogar” da “personalidade cultural do pobo galego” e enfatizou a necesidade dunha institución coma esta  para ollar o pasado, logo do cambio vivido por Galicia nas derradeiras décadas.
 
Santalices animou  a apoiar o labor e o espírito do Museo do Pobo Galego, facendo un recoñecemento expreso ao traballo de todo o equipo da institución, comezando polo profesor Beramendi.
 
Ciclo de foros
 
O ciclo programado no marco co convenio de colaboración entre o Parlamento de Galicia eo Museo do Pobo Galego estará integrado polos seguintes foros:
 
• O Estatuto dos Dezaseis, xérmolo do noso futuro
• Autogoberno para outros corenta anos
• O pobo galego e as súas perpectivas demográficas: dimensión e distribución
• Agro e mar en Galicia contra 2057
• Unha nova economía para a Galicia do porvir na industria e nos servizos
• Medio e natureza na Galicia de mañá
• O futuro da Sociedade do Benestar nunha Galicia avellentada
• Educación e formación dos novos galegos
• Identidade contra 2057
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina