O Parlamento de Galicia concede a súa medalla á “Comisión dos 16” que elaborou o anteproxecto do vixente Estatuto de Autonomía

• A proposta foi acordada pola Mesa da Cámara a proposta do presidente, Miguel Ángel Santalices Vieira
 
• O órgano de goberno da Cámara estima que este recoñecemento “resulta ineludible” na conmemoración do 35 aniversario do Parlamento de Galicia, na medida en que o poder lexislativo galego  emana do Estatuto de Autonomía
 
Santiago, 10 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia concederá a súa medalla aos integrantes da denominada “Comisión dos 16”, autores do anteproxecto do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia.  O acordo foi adoptado pola Mesa da Cámara, por proposta do presidente, Miguel Ángel Santalices Vieira,  na reunión do pasado 6 de febreiro. A entrega das distinción terá lugar o vindeiro 6 de abril, coincidindo co 36 aniversario da promulgación do Estatuto.
 
A Asemblea de Parlamentarios Galegos, constituída o 25 de xullo de 1977 e que de acordo co artigo 151 da Constitución Española de 1978 tiña as competencias para elaborar e aprobar o Proxecto de Estatuto  de Autonomía, acordou, posteriormente, designar unha comisión composta por dezaseis representantes de partidos, con e sen representación parlamentaria, para elaborar un primeiro texto. Nesta comisión, oito dos seus membros pertencían a UCD, dous ao PSOE, dous a AP, un ao PCG, un ao POG, un ao PG e un ao PTG.
 
A primeira reunión da “Comisión dos 16” celebrouse o 10 de xaneiro de 1979 e en tres meses concluíron o encargo recibido. O 9 de abril de 1979 entregaban ao entón presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, o anteproxecto de estatuto que sofriría diferentes modificacións antes de ser sometido a referendo o 21 de decembro de 1980.
 
Recoñecemento ineludible
 
A Mesa da Cámara galega considera que a contribución destas 16 persoas -convocadas a través dunha circular da Xunta de Galicia datada o 4 de xaneiro de 1979-, e a de todas as demais que colaboraron e participaron nos traballos da Comisión, “resulta ineludible” na conmemoración do 35 aniversario do Parlamento de Galicia, na medida en que o poder lexislativo galego  emana do Estatuto de Autonomía.
 
Integrantes da “Comisión dos 16”
 
1- D. Luis Cordeiro Rodríguez, por UCD de Lugo (*)
2- D. Víctor Vázquez Portomeñe, por UCD de Lugo
3- Dna. Lutgarda García Boente, por UCD de A Coruña
4- D. Pablo González Mariñas, por UCD de A Coruña
5- D. Manuel Reimóndez Portela, por UCD de Pontevedra (*)
6- D. Pablo Padín Sánchez, por UCD de Pontevedra
7- D. Ramón Álvarez Cid, por UCD de Ourense
8- D. Juan Manuel Álvarez Ramos, por UCD de Ourense (*)
9- D. Francisco Puy Muñoz, por AP
10- D. Manuel Vázquez Río, por AP (*)
11- D. Indalecio Tizón Covelo, polo PSdeG-PSOE (*)
12- D. José Vázquez Fouz, polo PSdeG-PSOE
13- D. Anxo Guerreiro Carreira, polo PCG (*)
14- D. Luis Sobrado Fernández, polo PG
15- D. Camilo Nogueira Román, polo POG
16- D. Fernando Solla Fernández, polo PTG
 
(*) Recibirán a Medalla do Parlamento a título póstumo.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas