saltar ao contido

Santalices: “Poucos países do noso entorno dispoñen dunha sanidade pública e universal como a nosa”

• “Nunca teremos palabras abondo para expresar o recoñecemento que merecen” os profesionais da sanidade
 
• O presidente do Parlamento de Galicia participou en Ourense no acto de entrega de dúas certificacións de calidade ao Centro Médico El Carmen
 
Santiago, 7 de setembro de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou hoxe en Ourense a sanidade pública, “porque creo nela, pero tamén porque é de xustiza recoñecelo”. Ao seu xuízo, “Poucos países do noso entorno dispoñen dunha sanidade pública e universal como a nosa, edificada a partir das achegas do conxunto da sociedade e dotada con grandes profesionais e tecnoloxía de última xeración”.
 
Recoñecemento aos profesionais
 
Con todo, Santalices Vieira puxo o acento na importancia do factor humano. “Ningunha infraestrutura, por moi ben equipada que esté, serviría para nada sen a dotación humana que lle permite funcionar cada día: as mulleres e os homes que co seu traballo fan realidade un dos mellores sistemas sanitarios e para os que nunca teremos palabras abondo para lles expresar o recoñecemento que merecen”.

O presidente do Parlamento de Galicia facía estas reflexións no acto de entrega  da Re-certificación ISO 9001:2008 e o Selo EFQM 400+ ao Centro Médico El Carmen, de Ourense. Para Santalices, “é unha satisfacción que un centro da nosa cidade reciba dúas certificacións de tanto prestixio”, ao tempo que puxo de manifesto  que “sanidade pública e privada son compatibles e poden coexistir perfectamente, sen disfuncións nin intromisión alguna, con regras de xogo claras”.
 
Compromiso ético
 
Nestra liña,  Santalices Vieira valorou o Compromiso ético e de boas prácticas, implantado recentemente pola Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal) da que forma parte este centro e que, entre outras medidas, contempla prescindir dos servizos dos profesionais que  deriven pacientes do sistema público á súa consulta privada. “Pódese dicir máis alto, pero non máis claro”, afirmou.
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina