saltar ao contido

O presidente do Consello de Representantes Locais de Taiwán efectúa unha visita institucional ao Parlamento de Galicia

• O titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, explícalle os diferentes mecanismos de participación cidadá postos en marcha no Lexislativo galego
 
Santiago, 2 de agosto de 2016.- O fundador e presidente do Foro Comunitario de Representantes de Consellos Locais de Taiwán (TCF) e concelleiro de Taipei, Lin Ching-chan, efectuou esta mañá unha visita institucional ao Parlamento de Galicia, onde mantivo unha entrevista co titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
O presidente do Parlamento de Galicia explicoulle o funcionamento da institución e, particularmente, os diferentes mecanismos de participación cidadá postos en marcha na institución ao longo da Lexislatura que agora conclúe.
 
O Foro Comunitario de Representantes de Consellos Locais de Taiwán fundouse no ano 2010 para aglutinar a políticos, académicos e expertos para o intercambio de ideas. O TCF celebra anualmente unha reunión plenaria de carácter internacional onde participan representantes doutras redes de lexisladores de ámbito sub-nacional como a CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais  Europas, da que forma parte o Parlamento de Galicia).
 
Lin Chin-chang é, ademais, director da Federación Internacional de Cámping, Caravanas e Autocaravanas (FICC) en Asia–Pacífico, e visita Galicia coincidindo coa súa participación na reunión anual que esta organización celebra en Ponta da Lima (Portugal) esta semana. A visita de Lin Chin-chang ao Parlamento responde ao seu interese por coñecer a primeira institución de Galicia, xa que non puido acudir ao Plenario da CALRE celebrado en 2014 no Lexislativo galego.
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina