saltar ao contido

Propostas de Resolución aprobadas no debate do Plan Estratéxico Galego 2010-2014, horizonte 2010

Debate das propostas de resolución formuladas ao Plan Estratéxico Galego 2010-2014 horizonte 2020

08/PEGA-0001 (43691)
Publicación iniciativa, BOPG núm. 307, do 07.09.2010
Publicación Propostas de Resolución, BOPG núm. 329, do 07.10.2010

 
PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN APROBADAS POLO PLENO DO PARLAMENTO DE GALICIA DO 27 DE OUTUBRO DE 2010:
 
 
(TODAS POR 61 VOTOS A FAVOR, NINGÚN EN CONTRA E 12 ABSTENCIÓNS)

- Propostas de resolución formuladas polo G.P. dos Socialistas de Galicia:

Resolución 1
Introducir unha proxección do comportamento futuro da poboación no horizonte 2016 que faga unha descomposición dos elementos que compoñen o crecemento vexetativo (Taxas de fecundidade por idades e Indicador sintético de fecundidade para calcular o número de nacementos; taxas de mortalidade por idades para o cálculo das mortes) e o saldo migratorio (emigración e inmigración)
 
Resolución 2
Introducir unha reflexión sobre os efectos do fenómeno migratorio (emigración ao exterior hai unhas décadas e retorno posterior) na forma e evolución das pirámides poboacionais indicadas. Sería conveniente e factible establecer escenarios de poboación por idade e sexo (e polo tanto pirámides) para o ano 2014 e o ano 2020.
 
Resolución 3
Modificar a relación directa que se reflicte entre a reducida taxas de natalidade e a elevada idade media á maternidade en exceso simple. Hai exemplos (vexase Francia) de ISF no entorno da reposición con idades medias similares ás que presenta Galicia.
Resolución 4
 
Suprimir a ligazón que se efectúa de xeito simplista entre a caída da taxa de natalidade á incorporación da muller ao mercado de traballo, cando as causas son moito máis complexas e, de novo, os exemplos internacionais indican a posibilidade de facer compatibles maior actividade feminina e maior taxa de fecundidade.
 
Resolución 5
En relación ao declive demográfico, que depende do crecemento vexetativo negativo e do menor impacto do saldo migratorio, realizar,  dada a súa carencia,  unha análise de cada un dos dous saldos e dos seus elementos, sendo imprescindible realizar este exercicio para poder establecer escenarios plausibles e fundamentar políticas realistas.
 
Resolución 6
Proceder a unha análise das singularidades do proceso de urbanización en Galicia así como das debilidades do actual sistema urbano, para poder fundamentar políticas efectivas e mais alá dos lugares comúns e xeneralidades sobre o proceso de urbanización, ao tempo que  detectar as áreas metropolitanas ou urbanas funcionais como base da acción da administración.
 
Resolución 7
Modifica, na formulación no proceso de despoboamento, a absoluta ausencia dos factores que a explican e sobre os que é posible actuar: fluxo migratorio ás cidades ou decrecemento vexetativo da poboación, establecendo un diagnóstico realista sobre os factores de fondo que explican tan fenómeno, sendo preciso introducir estes elementos.
 
Resolución 8, apartados 2, 4 e 5
Proceder á reformulación deste apartado, xa que:
• Ademais, a conxuntura é moi especial e está marcada por ser a fase máis dura da crise. Polo tanto, débese efectuar unha análise de tendencias.
• É necesario igualmente  tamén, vincular crecemento do PIB e evolución da ocupación.
• É preciso introducir unha análise desagregada por sectores, para ter en conta o comportamento a contracorrente da ocupación no sector primario, que vaia máis alá da mera e pouco útil análise conxuntural que o documento presentado efectúa e que carece de valor.
 
Resolución 9
Realizar unha explicación do comportamento diferencial do PIB galego en relación ao español ou ao doutras comunidades autónomas, o que fai irrelevante para a política económica este apartado, cando é absolutamente imprescindible efectuar este diagnóstico.
 
Resolución 11
A corrixir a descomposición do PIB polo lado da demanda dado que é por unha parte conxuntural, sen ningún valor como fonte de información (máxime cando se ofrece en termos de referencia ao ano 2000) e por outra se mostra insuficientemente desagregado (compre distinguir, por exemplo, os distintos compoñentes da FBCF).

Resolución 12
Compartindo o obxectivo converxencia, explicar cómo achegarse aos mesmos: peso da evolución diferencial da poboación, peso da expansión do PIB e descomposición de este último (productividade, utilización dos factores).

Resolución 13
Establecer diversos escenarios de evolución da economía europea, española e galega que fagan realista este obxectivo e que poidan ser contrastados e avaliados ao longo do tempo.
 
Resolución 15
Superar a visión na que so interesa o que da resultado para as empresas, o cal quere dicir na práctica o que da resultado a curto prazo, e corta de raíz os grandes pulos do coñecemento e a creación das empresas.
 
Resolución 16
Apostar por unha investigación pública básica potente e prolongada no tempo, para dúas cuestións transcendentais:
• Se produza unha axeitada transmisión do coñecemento froito da investigación básica aos procesos produtivos, o desenvolvemento e a innovación.
• Se produza unha entrada sólida de capital privado nos procesos de investigación básica. O capital privado entra na investigación básica, só cando froito da investigación pública tivo éxito nos seus procesos de innovación.
 
Resolución 17
Non esquecer o principal mercado de exportación de Galicia: o resto do mercado español.
 
Resolución 18
Efectuar unha análise do comercio interrexional, que completa e tamén condiciona os resultados derivados da posición internacional.
 
Resolución 19
Na análise por mercados dos índices de competitividade,  efectuar unha análise por mercados das exportacións e importacións.
 
Resolución 20
Desagregar o comercio externo para coñecer a tendencia de sectores comercializables específicos.
 
Resolución 28
En relación coa vulnerabilidade á globalización, corrixir a análise que  realiza o documento pois carece de contidos, xa que non se introduce, por exemplo, o feito de formar parte dunha unión económica e monetaria; a referencia aos fondos europeos, absolutamente inexistente; as oportunidades derivadas da presenza galega en todo o mundo.
 
Resolución 32
Suprimir por carecer de sentido a reflexión sobre a distancia entre o PIB e outros indicadores (IDH, Indicador Sintético de Benestar,..) para concluír que ao final debe ser utilizado o PIB.
 
Resolución 37
No relativo ás estruturas organizativas de xestión integrada nas áreas sanitarias,  establecer vías de xestión por procesos, abarcando no ano 2011 os procesos patolóxicos máis habituais e co establecemento de áreas piloto de xestión clínica no ano 2011.
 
Resolución 38
Acadar no ano 2011 unha porcentaxe de prescrición de xenéricos do 30%.
 
Resolución 41
Reducir o incremento do gasto farmacéutico ata conseguir reducións do orde do 5%, tal e como acontece na maioría das Comunidades Autónomas.
 
Resolución 56
Desenvolver de xeito mais preciso o PLAN PARA PROMOVER A AVALIACIÓN E A EXCELENCIA NO SISTEMA EDUCATIVO GALEGO, que recolle compromisos do goberno anterior, pero, especialmente, é un plan que se debe ás obrigas de avaliación da actual Lei Orgánica 2/2006 (LOE) e aos compromisos de participación do goberno anterior en avaliacións e informes internacionais cunha mostra estatística propia e ampliada, para así obter datos estatisticamente fiables dos resultados da nosa comunidade.
 
Resolución 62
Mostrar no relativo aos INDICADORES SALIENTABLES no marco do ensino, a evolución do esforzo que se vai facer na posta en marcha das distintas propostas indicadas no documento.
 
Resolución 63
Reforzar os indicadores que sinalan obxectivos avaliables e cuantificables xa que ou son escasos ou inaxeitados, e pola contra, o que máis abonda son indicadores xenéricos que non implican ningún obxectivo concreto cuantificable.
 
Resolución 68
Prever o desenvolvemento do II Plan Galego de Formación Profesional,  co obxectivo de incrementar ata un 50% os mozos/as que cursen FP.
 
Resolución 69
Contemplar programas de apoio ao alumnado de Formación Profesional, mediante a creación de bolsas - salario e axudas ao desprazamento e/ou residencia.
 
Resolución 70
Rematar a confección do Mapa da Formación Territorial de Galicia que delimite con criterios sectoriais e territoriais a oferta de ciclos medios e superiores adaptados á realidade actual do noso país.
Introducir un Plan de creación de aulas dixitais en todos os centros públicos.
 
Resolución 72
Establecer un Programa de redución das ratios educativas en Secundaria naquelas materias con elevados índices de fracaso escolar.
 
Resolución 74
Reformular os indicadores que en materia educativa indica o documento remitido, para reflectir metas máis ambiciosas. Así, nomeadamente, no que atinxe ás medidas relativas a seccións bilingües e centros plurilingües.
 
Resolución 75
Introducir uns obxectivos cuantificables e seguibles sobre a  política de becas a realizar dende a administración, xa que o documento remitido nada establece ao respecto.
 
Resolución 81
Ampliar o Plan de creación de infraestruturas educativas científicas, xa que na súa parte expositiva só se refiren o campo das ciencias mariñas cando o obxectivo xeral é “potenciar os investimentos en investigación e innovación e na sociedade da información e do coñecemento.
 
Resolución 82
Elaborar un Plan de Infraestruturas de Investigación 2011-2015, que integre a política de inversións tanto na creación e dotación de equipamentos de centros de investigación como no financiamento de infraestruturas de apoio á investigación.
 
Resolución 101
Establecer protocolos de coordinación entre os aspectos sociais e sanitarios con canles de participación e coordinación entre os centros de saúde ,sinaladamente tamén os de saúde mental e os servizos sociais
 
Resolución 106
Substituír no cadro de “Propostas de medidas e actuacións prioritarias” do apartado de benestar social o texto da prioridade 4: “Darlles prioridade ás actuacións que dinamicen as actividades dirixidas a xuventude a través do impulso das políticas transversais” polo seguinte “Darlles prioridades ás actuacións que dinamicen as actividades dirixidas a xuventude a través do impulso de políticas integrais e transversais dende a intergobernamentalidade, a interinstitucionalidade e a participación social”.
 
Resolución 107
Engadir, dentro do epígrafe referido no punto anterior, os indicadores correspondentes a prioridade 4:
• “Número de actuacións baseadas na coordinación con todas a Administracións  Públicas cuias actividades inciden sobre este sector da poboación.”
• “Número de actuacións implementadas nacidas da participación social”
 
Resolución 108
Engadir nos indicadores da actuación prioritaria número 4 o “Porcentaxe de mozas beneficiarias”
 
Resolución 109
Substituír  no OBXECTIVO ESTRATÉXICO 1.4 de Atención ao benestar social, apartado M03: “Mellorar o benestar da xuventude” por M03: “Favorecer as condicións necesarias para que a xuventude poida desenvolver o seu propio proxecto de vida nas mellores condicións e en igualdade de oportunidades.”
 
Resolución 111
Incluír a variable de xénero en todas as actuacións e indicadores do Plan Estratéxico 2010-2014.
Resolución 113
Evitar o sesgo de discriminación por orientación sexual  e modelos de familia, radicalmente incompatibles cos dereitos fundamentais
 
Resolución 114
Engadir no Plan Galego da Cidadanía :
• A elaboración de programas de información,en coordinación cos centros de ensino e os centros de referencia xuvenís, sobre os dereitos humanos e cívicos
• A potenciación e o mantemento das oficinas de inmigración garantindo programas de alfabetización ,foros de inmigración ,programas contra o racismo e a xenofobia,
 
Resolución 128
Apostar pola constitución de plataformas loxísticas, como áreas para o desenvolvemento económico das mercadorías, así como polas Autopistas do Mar.
 
Resolución 129
Contemplar unha axeitada colaboración inter-administrtiva entre a Administración Xeral do Estado e a Administración Autonómica, continuando coa política de colaboración co goberno do Estado e reafirmando o compromiso de que canto menos o 8% do total dos investimentos que recollan os orzamentos  xerais do Estado serán dirixidos a Galicia durante toda a vixencia do Plan.
 
Resolución 130
Traballar por que a planificación e execución concreta deses investimentos a que fai referencia o punto anterior, sexan acordados entre a administración autonómica e a administración xeral do Estado, en función do PEIT, do Plan Director de Estradas e doutros documentos ou programas concretos de actuación que puideran aprobarase.
 
Resolución 138
Contemplar o desenvolvemento dos acordo entre a Administración Autonómica, Central e Local pola integración e para a realización das estacións do AVE nas cidades de Galicia.
 
Resolución 158
En colaboración coas entidades financeiras galegas, contemplar a creación dun fondo para a promoción de novas iniciativas de microempresas e de economía social, para mozos e mozas a para persoas  desempregados.
 
Resolución 166
Incluír un Plan para o SECTOR AUTOMOCIÓN que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.
 + Coordinación coa Universidade da automoción – CEAGA.
 
Resolución 167
Incluír un Plan para o SECTOR ARTES GRÁFICAS que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.
 + Creación clúster produto gráfico libro galego.
 
Resolución 168
Incluír un Plan para o SECTOR NAVAL que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.
 
Resolución 169
Incluír un Plan para o SECTOR LOUXA que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.
 
Resolución 170
Incluír un Plan para o SECTOR DA PEDRA NATURAL LOUXA que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.

Resolución 171
Incluír un Plan para o SECTOR MADEIRA que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.
 
Resolución 172
Incluír un Plan para o SECTOR METALMECANICO que contemple canto menos:
 + Plan apoio proxectos I+D.
 + Plan apoio proxectos innovación empresarial.
 + Plan eficiencia enerxética.
 
Resolución 188
Impulsar a flota altura e gran altura co deseño dun programa de representación e presenza de Galicia en tódolos foros onde se debatan e decidan accións que afecten os intereses pesqueiros galegos, formando parte das delegacións do Estado onde así se requira, ou de maneira autónoma; un programa de imaxe e presenza de Galicia en tódolos foros comerciais, promocionais, políticos ou de calquera outra índole, que redunde en simpatía cara a flota galega que opera en caladoiros alleos; un programa de cooperación internacional en países onde Galicia teña intereses pesqueiros; e un programa de mellora das condicións de seguridade e habitabilidade da flota que faena en altura ou gran altura.
 
Resolución 195
Fixar as prioridades para a mellora das comunicacións entre os portos de cada rexión urbana e os parques empresariais e loxísticos pola Xunta de Galicia, para garantir a operatividade dos nosos principais portos.
 
Resolución 204
Excluír do Plan de ordenación de cultivos na zona marítima as propostas de medidas e actuacións prioritarias correspondentes a posta en marcha da sociedade de fomento forestal, execución de perímetros de prevención e actuación forestal e actualización do marco normativo forestal e de defensa contra incendios forestais, que deberán incorporarse dentro do PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN E DIVERSIFICACIÓN ECONOMICA DO MEDIO RURAL: COMPETITIVIDADE E  MULTIFUNCIONALIDADE.
 
Resolución 206
Impulsar políticas destinadas a aflorar a economía e o emprego somerxido, por ser unha forma de competencia desleal, explotación de traballadores e traballadoras e de fraude ás cotizacións sociais.
Resolución 210
Potenciar a contratación de demandantes de emprego con programas de adquisición de experiencia naquelas zonas que se vexan máis afectadas pola crise económica.
 
Resolución 213
Potenciar con procesos formativos a mobilidade profesional desde os sectores con máis incremento do desemprego a sectores con demanda.
 
Resolución 217
Establecer para os maiores de 45 anos medidas que melloren a empregabilidade a través de itinerarios personalizados de inserción.
 
Resolución 232
Desenvolver programas específicos de “consolidación” empresarial para reducir a elevada mortalidade das empresas de nova creación.
 
Resolución 236
Impulsar a través da negociación colectiva, que figuren nos convenios colectivos, cláusulas declarativas de non discriminación por razón de xénero.
 
Resolución 239
Fomentar a presenza equilibrada das mulleres en todos os sectores profesionais.
 
Resolución 240
Nas políticas de igualdade, implementar políticas de discriminación positiva e poñer en marcha programas que incorporen ás mulleres nas ocupacións masculinizadas. Especialmente necesaria é a súa incorporación ás novas ocupacións que xurdan no novo modelo produtivo.
 
Resolución 241
Impulsar que os mozos e as mozas que rematen a súa escolarización sen acadar o nivel obrigatorio, sexan remitidos directamente aos servizos de orientación para a elaboración dun itinerario de inserción e formación, que lles permita acceder a unha profesión, coordinando o sistema educativo e o Servizo Público de Emprego.
 
Resolución 244
Crear un Plan Tutelado de Busca de Emprego para as persoas con discapacidade e colectivos con risco de exclusión Social, ao remate das actuacións de mellora da empregabilidade.
 
Resolución 245
Garantir que as persoas en paro pertencentes a colectivos de discapacitados reciban un salario de inserción na realización de actividades de mellora da súa empregabilidade incluídas no seu itinerario personalizado de inserción.
 
Resolución 246
Propiciar plans de acción individuais adaptados ás necesidades e características das persoas destinatarias.
 
Resolución 258
Contemplar unha decidida política de apoio ós autónomos.
 
Resolución 262
Deseñar e introducir  un Programa de axudas para impulsar o investimento das empresas en I+D+i, dando prioridade a aqueles proxectos que se realicen en colaboración coas Universidades e Centros Tecnolóxicos de Galicia.
 
Resolución 263
Intensificar os incentivos fiscais ás empresas que desenvolvan investigación para a súa aplicación en procesos industriais.
 
Resolución 264
Apoiar a concesión as empresas de préstamos a tipo de xuro cero e con dous anos de carencia para investimentos en actividades estratéxicas de I+D+i.
 
Resolución 265
Facilitar liñas de axudas aos contratos de incorporación de tecnólogos e investigadores ás empresas, cunha dobre perspectiva de avaliación e estabilidade.
 
Resolución 306
Crear viveiros de empresas nos polígonos industriais, en colaboración cós servizos públicos de emprego, capaces de axudar no desenvolvemento de proxectos empresariais tutelados e de colaborar, especialmente, cos mozos e mozas.
 
Resolución 307
Investir en servizos de transporte público dirixidos ós polígonos industriais, para mellorar a mobilidade dos traballadores e traballadoras e impedir a afectación ó tráfico e á mobilidade nos contornos urbanos.
 
Resolución 328
Fixar en canto á eficiencia na administración o seu órgano xestor.
 
Resolución 361
Modificar o escenario financeiro anual estimado do Plan estratéxico Galicia 2010-2014, xa que está claramente invalidado polas previsión orzamentarias para 2011 anunciadas pola propia Xunta de Galicia e resulta insostible e incoherente.
 
Resolución 367
Incorporar as previsións sobre os diferentes ingresos previstos pola Xunta de Galicia, xa que resulta cando menos chocante que poida presentarse este escenario financeiro sen facer ningunha referencia os mesmos.
 
Resolución 380
Adaptar o escenario financeiro e orzamentario do Plan Estratéxico o Novo Plan de Estabilidade Financeira.
 
Resolución 381
Manter a coherencia entre o escenario financeiro para 2011 e o marco financeiro para ese ano.
 
- Propostas de resolución formuladas polo G.P. Popular de Galicia:

Proposta de resolución nº 1
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a integrar nos Orzamentos 2011 as liñas mestras do Plan Estratéxico e os instrumentos de control da eficacia das políticas públicas a través dun seguimento dos resultados obtidos.
 
Proposta de resolución nº 2
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaboración dun novo escenario financeiro para o período contemplado no plan 2010-2014, coas seguintes especificacións e análise:
- previsións de ingresos de impostos, tributos e taxas procedentes dos tributos cedidos
- previsións de ingresos derivados de tipos impositivos adicionais sobre tributos de xestión estatal.
- previsións de ingresos de participación sobre os ingresos provintes do estado
- previsións de ingresos e transferencias correntes e de capital provintes da UE
- financiamento vía endebedamento
- financiamento a través de operacións de colaboración público-privada
 
Proposta de resolución nº 3
(Proposta transaccionada)
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a aumentar os obxectivos da área de coñecemento, do seguinte xeito:
Redución do fracaso escolar: anterior 2014: 20 por cento; novo: 18 por cento.
Emprego das TIC en fogares e empresas: anterior > 55 por cento; novo:  > 60 por cento.
Incremento das patentes rexistradas: anterior 200; novo 225.
Investimento público e privado en I+D: anterior: 1,5 por cento do PIB; novo: 1,7 por centro do PIB, do que alomenos o 1,00 será de aportación pública.
 
Proposta de resolución nº 4
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a considerar a revisión dos obxectivos de sostibilidade:
- Consumo de electricidade procedente de fontes renovables: anterior para 2014: 95 por cento,nova: 100 por cento.
- ao establecemento de obxectivos de orde intermedio para as distintas fontes de renovables, de maneira que se asuma unha produción significativa e diferenciada para, alomenos as fontes: eólica, biomasa e solar.
 
Proposta de resolución nº 5
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a ampliar a escada de obxectivos expresos incluidos no Plan. En concreto en relación co factor de competitividade, mellorando o sistema de medición e análise da competitividade da economía de Galicia; para o que se propón unha identificación de indicadores da mesma que teña carácter homologable e comparable, como pode ser a elaboración dun indicador para Galicia similar ao empregado polo FMI na análise "doing bussiness", que facilite identificar e mellorar os atrancos administrativos á implantación de investimentos estranxeiros en Galicia.
Así mesmo ínstase á ampliación do contido das estatísticas referidas aos factores de competitividade: prezos, salarios, inflación, productividade sectorial
 
Proposta de resolución nº 6
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a completar o Plan Estratéxico con algún dos indicadores asumidos pola estratexia europea 2020, moitos dos cales xa figuran no Plan, para incluír a súa estimación dentro dos programas estatísticos da Xunta, coa finalidade de poder realizar medicións homologables sobre variables de significado medioambiental, social e territorial que sen aumento significativo de custos de elaboración poden resultar suficientes para permitir unha análise da evolución de magnitudes chave e comparalas coas de outras rexións.
 
Proposta de resolución nº 7
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a incluir no Plan Estratéxico un maior detalle e compromisos en termos de indicadores de realización e resultados con respecto ás actividades de promoción exterior e captación de investimentos e oportunidade de negocios para as empresas galegas nos mercados exteriores, identificando os mercados e sectores obxectivos, e establecendo un plan de fomento das exportacións específico.
 
Proposta de resolución nº 8
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que se inclúan no Plan, dentro das mesas de análise e debate de prospectiva dos sectores xa previstas no Plan, formulacións concretas para os sectores que no Plan se determinan como básicos, de futuro e complementarios; e a que na composición dos grupos de traballo exista unha compoñente que dea cabida á innovación e a mercadotecnia específica para cada un deles.
 
Proposta de resolución nº 9
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, dentro das análises de seguimento do Plan, se inclúa un apartado separado e identificado que faga referencia ás balanzas de crédito e aforro interior e exterior da Comunidade, así como do endebedamento dos sectores público e privado, estimando o seu peso con respecto a idénticas magnitudes noutras rexións e no conxunto do estado.
 
Proposta de resolución nº 10
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia, dado que o Plan Estratéxico debe constituír un elemento de obrigada presenza no debate do estado da autonomía, a incluír os resultados dos informes anuais de seguimento e avaliación na orden de asuntos do devandito debate.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2010

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina