saltar ao contido

Rodríguez Arias valora a achega de Parlamento Xove para poñer en valor a importancia do debate


 
• A vicepresidenta da Cámara alerta sobre o uso de dispositivos móbiles e redes sociais como ferramentas de acoso e violencia psicóloxica
 
• O tema de debate desta edición de Parlamento Xove, organizado pola Consellería de Política Social coa colaboración da Cámara galega, foi “O machismo adolescente segue presente na nosa cultura?”
 
• O equipo do IES de Becerreá 1, na categoría de Bacharelato, e o IES Becerreá, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria, resultaron gañadores da sétima edición de Parlamento Xove
 
Santiago, 16 de abril de 2016.- A sede do Lexislativo galego galego acolleu este sábado a final do certame Parlamento Xove 2016, organizado pola Consellería de Política Social, coa colaboración da Cámara galega. A vicepresidenta primeira do Parlamento, Marta Rodríguez Arias, felicitou ós participantes nesta iniciativa  “encamiñada a estimular o debate, a poñer de manifesto que calquera conflito  ou diferenza –sexa o que sexa- se pode superar a través da forza da razón, e xamais a través da razón da forza”.
 
No acto tamén participaron o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez; así como os deputados Sandra Devesa e Daniel Rodas.
 
Nesta edición, o tema escollido para o debate foi “O machismo adolescente segue presente na nosa cultura?”
 
Asunto de actualidade
 
Resaltou Rodríguez Arias a actualidade do tema deste ano, afirmando sentirse moi sensibilizada respecto ás cuestións de xénero.
 
Destacou que desde hai tempo, os expertos alertan do incremento do acoso que sofren mozas e adolescentes a través de dispositivos móbiles e redes sociais. Aplicacións de uso común poden ser utilizadas como “ferramentas de acoso e violencia psicolóxica, violencia machista en realidade”, que “non sempre é correctamente identificada como tal por quen a sofre”, subliñou.
 
Por esa razón, Rodríguez Arias animou aos presentes a manterse alerta e instou a todos e a todas a superar as diferenzas de xénero, que “estamos obrigados a eliminalas canto antes”.
 
A vicepresidenta da Cámara gabou a capacidade demostrada polos participantes na final de Parlamento Xove, feito que a levou a amosarse confiada en que no futuro, “unha vez completedes a vosa formación, porque a política non é nin pode ser nunca unha profesión, algúns de vós cheguedes a ocupar estas bancadas, xa como deputados e deputadas de pleno dereito”. Afirmou dirixíndose á mocidade presente no Hemiciclo.
 
Gañadores
 
O equipo do IES de Becerreá 1, na categoría de Bacharelato, e o IES Becerreá, na modalidade de Educación Secundaria Obrigatoria, resultaron gañadores da sétima edición de Parlamento Xove, na que participaron un total de 47 equipos de 39 centros educativos de toda Galicia. Á fase final chegaron 16 equipos de 12 centros educativos, cun total de 235 participantes (188 mozos e mozas e 47 profesores/as).
 
Os subcampións foron os equipos IES de Becerreá 2, en Bacharelato, e CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía en ESO. Na categoría de 3º e 4º de ESO, os oito equipos que chegaron a esta fase final foron con dous equipos o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía) e cun equipo o Colexio Maristas “A Inmaculada” (Lugo), o Colexio La Salle (Santiago), o IES Monte Castelo (Burela), o IES  A Pinguela (Monforte), o IES de Becerreá e o CPR Nosa Señora de Lourdes (A Estrada).
 
Na categoría de 1º e 2º de Bacharelato, participaron nesta fase final con dous equipos o IES de Becerreá e cun equipo o IES Eduardo Pondal (Santiago), o Colexio La Salle (Santiago), o CPR Plurinlingüe Colexio Esclavas (A Coruña), o IES Antón Fraguas (Santiago), o Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio) e o IES de Rodeira (Cangas).
 
O premio ao mellor dossier de investigación foi para o IES David Buján de Cambre, na categoría de Bacharelato, e o Colexio Maristas “A Inmaculada” de Lugo, en ESO. O tema deste dossier foi o da fase clasificatoria: “Determina o papel do/a profesor/a o futuro dos mozos e mozas?”.
 
Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- investigan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación. Nos seus sete anos de vixencia son 1.122 os participantes nesta iniciativa.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicacion do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina