saltar ao contido

Miguel Ángel Santalices, elixido presidente do Parlamento de Galicia, e Marta Rodríguez Arias, vicepresidenta 1ª

Ao inicio do Pleno tamén tomaron posesión as deputadas Sandra Devesa, Mónica Fernández e Elena González
 
Santiago, 26 de xaneiro de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia elixiou esta mañá ao ata o de agora vicepresidente primeiro Miguel Ángel Santalices Vieira como presidente da Cámara, en substitución de Pilar Rojo Noguera. E como vicepresidenta primeira resultou elixida Marta Rodríguez Arias, que era vicevoceira do Grupo Parlamentario Popular.
 
Previamente, tomaron posesión as deputadas Sandra María Devesa Bouzas (do Grupo Popular, en substitución da senadora Paula Prado);  Mónica Fernández Rodríguez (do Grupo Mixto, en substitución da deputada no Congreso Yolanda Díaz); e Elena Cruz González Sánchez (do Grupo Popular, en substitución de Pilar Rojo, expresidenta da Cámara elixida deputada no Congreso.
 
Perfís biográficos
 
Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955) é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela; máster en Alta Dirección, Xestión e Administración Sanitaria pola Escola de Cataluña (EADA); diplomado en Dirección Hospitalaria e en Sanidade, e máster en Saúde Pública. Diploma de directivo da Xunta de Galicia. Funcionario do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala Saúde Pública e Administración Sanitaria. É membro do Comité Executivo Provincial do PP de Ourense. Secretario executivo de Servizos Sociais. É deputado no Parlamento de Galicia desde a V lexislatura. Foi vicepresidente da Cámara na V e VIII lexislaturas, en substitución de Celso Delgado Arce e José Manuel Baltar Blanco, respectivamente. Portavoz de Sanidade na VI e VII lexislaturas, e portavoz suplente na V, ademais de vocal e presidente de diversas comisións. Vicepresidente do Parlamento de Galicia e portavoz de Sanidade do Grupo Popular na IX Lexislatura ata a súa elección como presidente do Parlamento de Galicia. Deputado da circunscrición electoral de Ourense.
 
Marta Rodríguez Arias (Vilagarcía de Arousa, 1973) é diplomada en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1998 foi elixida concelleira en Vilagarcía de Arousa e entre 2001 e 2005 foi asesora da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Foi tenente de alcalde de Vilagarcía. Deputada desde a VII lexislatura, foi voceira de Servizos Sociais nas dúas últimas e vicevoceira do Grupo Popular na VIII. Vicevoceira do Grupo Popular e presidenta da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na IX Lexislatura, ata a súa elección como vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galicia, en substitucion de Miguel Ángel Santalices Vieira. Deputada da circunscrición electoral de Pontevedra.
 
Sandra Devesa Bouzas (A Coruña, 1984) cursou estudos de Informática na Universidade de A Coruña. Máster en Marketing e Comunicación Política pola Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. Xefa de proxectos informáticos e de telecomunicacións en entidades privadas dende 2013. Cooordinación e dirección de proxectos de ocio e tempo libre en centros educativos, sociais e asociacións dende 2007. Secretaria de Organización de Novas Xeracións da provincia de A Coruña, membro do Comité de dirección de Novas Xeracións de Galicia. Pertencente á Xunta local do PP de Oleiros. Accede ao Parlamento de Galicia en substitución de Paula  Prado del Río, elixida senadora  nas eleccións xerais de decembro do 2015. Deputada da circunscrición electoral da Coruña.

Mónica Fernández Rodríguez é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona (1999). Graduada en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos (Escola Mestre Mateo, 1994). Posgrao en Aplicacións e Desenvolvemento en Museografía Interactiva pola Universidade de Barcelona (2012). Traballou no sector privado ata o ano 2007 como deseñadora gráfica e como docente dende o ano 2007 no ensino público.  Actualmente mantén unha implicación activa en  movementos sociais e culturais da comarca de Ferrolterra e forma parte da coordinadora nacional de Cerna. Deputada da circunscrición electoral da Coruña.
 
Elena González Sánchez (Monforte de Lemos, 1953) reside en Vigo desde hai 25 anos. Postgrado en Dirección e Xestión de RRHH (Universidade de Vigo). Técnica en prevención de riscos pola Universidade de Vigo. Concelleira polo Partido Popular no Concello de Vigo. Foi Vicepresidenta das Asociacións Veciñais de España entre 2007 e 2012, presidenta da Confederación Galega Veciñal de 2007 ao 2011 e anteriormente presidenta da Federación Veciñal de Vigo “Eduardo Chao” e Camiño Vello de Coia. Accede ao Parlamento de Galicia en substitución de Pilar Rojo Noguera, elixida deputada nas eleccións xerais de decembro do 2015. Deputada da circunscrición electoral de Pontevedra.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina