saltar ao contido

A presidenta do Parlamento clausura en Santiago II Congreso Internacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero

 
• Advirte contra o uso das TIC´s como ferramentas para o control e sometemento entre parellas mozas
 
• Pilar Rojo traslada as súas condolencias polo falecemento da axente da Policía Nacional que onte perdeu a vida en Vigo en acto de servizo e desexa unha pronta recuperación ao subinspector que resultou ferido

Santiago, 29 de novembro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, confesou hoxe que observa “con estupor” como as redes sociais, o WhatsApp e outras ferramentas de mensaxería instantánea se usan non só para facilitar a comunicación senón tamén para o “control da parella”, converténdose deste xeito en “camiño de sometemento  de moitas parellas novas”.
 
Rojo Noguera efectuou esta reflexión este mediodía en Compostela,  onde clausurou o II Congreso Internacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, organizado polo  Concello de Santiago de Compostela a través do Centro de Información á Muller da área de Servizos Sociais. O Congreso, inaugurado o pasado día 27, contou con persoas relatoras de prestixio internacional nas dependencias da Cidade da Cultura.
 
No acto, a presidenta do Parlamento estivo acompañada polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández.  Previamente, asistiu á conferencia que o presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional, Fernando Grande-Marlaska, pronunciou neste foro.
 
Pilar Rojo confesou que observa “con horror” como algunhas mulleres novas, entre elas nenas, “interpretan a violencia coma unha proba de amor”. “¿Como non fumos quen de ensinar que o amor, o interese polo outro e a preocupación nada teñen que ver co control da parella?”, preguntou.
 
Abundando na mesma idea, Pilar Rojo amosouse convencida de que a violencia non se inicia con agresións físicas, senón con comportamentos de “dominio e abuso”.
 
Alerta
 
A presidenta do Parlamento rematou felicitando ao alcalde de Santiago, Agustín Hernández, pola organización deste congreso, dado que actividades deste tipo “abren camiño na formación da sociedade, no coñecemento de condutas inaxeitadas e na alerta ante unha nova praga silandeira que se vai infiltrando nas mulleres do futuro”.
 
Condolencia
 
Ao comezo da súa intervención, Pilar Rojo manifestou publicamente as súas condolencias polo falecemento da axente da Policía Nacional que onte perdeu a vida en Vigo en acto de servizo e desexou unha pronta recuperación ao subinspector que resultou ferido.
 
“Con eles, e co conxunto dos corpos e forzas de seguridade, mantemos unha débeda de gratitude e non sempre reciben o recoñecemento que, sen dúbida, merecen”, afirmou a presidenta do Parlamento de Galicia. O acto de clausura iniciouse cun minuto de silencio en memoria da axente que onte perdeu a vida en Vigo.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina