saltar ao contido

Pilar Rojo subliña as posibilidades das TIC para achegar a política aos cidadáns e superar a crise de confianza

 
• A presidenta do Parlamento de Galicia participou, como titular da CALRE, na XXVIII sesión do Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa
 
• O Parlamento de Galicia forma parte do grupo de traballo da CALRE sobre e-democracia
 
Santiago, 14 de outubro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) avogou hoxe por aproveitar as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para incrementar a participación dos cidadáns e avanzar en transparencia.
 
“A e-Democracia vese impulsada polo desenvolvemento das TIC ao servizo do cidadán, e constitúe unha ferramenta accesible que nos permite acercar á sociedade, especialmente aos máis novos, á política formal e á comprensión dos procedementos  de toma de decisións, superando esa crise de confianza que pode xerar o descoñecemento e a lonxanía da vida política”, afirmou Rojo Noguera.
 
Pilar Rojo participou hoxe en Estrasburgo nun debate sobre a promoción da ética pública e a prevención da corrupción a nivel rexional no marco da XXVII sesión do Congreso de Autoridades Rexionais e Locais do Consello de Europa.
 
Rojo asistiu a esta sesión atendendo a invitación do presidente do Congreso de Autoridades Rexionais e Locais, Herwig van Staa.
 
Afirmou que a ética pública é un asunto que reviste “moita importancia” para a CALRE, razón que levou aos parlamentos rexionais que a integran a crear un grupo de traballo sobre “e-Democracia”, do que forman parte 18 cámaras diferentes, entre elas a galega, que promove o uso das TIC ao servizo da transparencia das institucións que engloba.
 
Transparencia e accesibilidade
 
A xuízo de Pilar Rojo, as diferentes institucións teñen a obriga de implicar ao conxunto da sociedade e “esforzarse no uso das novas tecnoloxías para ampliar e afondar nos procedementos democráricos e-participativos, facéndoos máis transparentes, inclusivos, accesibles e eficaces”.
Engadiu que o último informe do grupo de traballo sobre e-democracia conclúe que os parlamentos que forman parte da CALRE avanzaron en todas as fases, particularmente  no referido á información e á e-consulta.
 
En opinión de Pilar Rojo, “non podemos falar de e-democracia sen relacionala co principio de transparencia, entendida como a forma de facilitar información veraz e de calidade que permita o acercamento dos cidadáns ás institucións. En definitiva, un non pode querer o que non coñece e nas nosas mans está facilitar ese camiño cara o coñecemento das nosas institucións”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina