saltar ao contido

O programa de charlas divulgativas sobre o Parlamento duplicou o número de actividades no curso 2013-2014 e chegou a máis de 7.000 alumnos

 
• Dos 23 centros educativos que acolleron charlas sobre o Parlamento no curso pasado pasouse a 45 no ano académico que agora remata
 
Santiago, 27 de xuño de 2014.- O ciclo de charlas divulgativas organizadas polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Exparlamentarios-as para alumnado de Secundaria e Bacharelato duplicou o volume de actividades nun só curso, ao pasar de 23 centros no curso 2012-2013, a un total de 45 centros no ano académico 2013-2014 que acaba de rematar.
 
Así o explicou este mediodía o presidente da Asociación de exparlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús Mª Fernández Rosende, nunha rolda de prensa na que interviron tamén o vicepresidente da Asociación, Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, e o vogal Ismael Rego. Estiveron acompañados por outros integrantes da Asociación.
 
Por provincias, A Coruña, rexistrou o maior volume de actividades (charlas en 20 centros) seguida de Pontevedra (15 centros), Lugo (7 centros) e Ourense (3 centros). En total, participaron entre 7.000 e 8.000 alumnos.
 
As charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia foron impulsadas pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, na pasada lexislatura coincidindo coa celebración do 30 aniversario da constitución do lexislativo autonómico.
 
Cada unha destas adoita comezar coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, logo do cal os exdeputados participantes teñen cadansúa intervención individual, que é seguida dun coloquio con preguntas e opinións dos estudantes participantes.
 
A celebración das charlas para estudantes de ESO e Bacharelato enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución e a edición de material orientado especificamente ao estudantado galego.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina