A CALRE celebra un foro sobre inmigración o venres en Bruxelas coincidindo co Día Internacional dos Refuxiados

 

• Un dos cinco grupos de traballo que integran a CALRE aborda a realidade da inmigración en Europa

 

• O foro terá lugar na sede do Comité das Rexións logo da reunión do segundo Comité Permanente da CALRE

 

 

Santiago, 18 de xuño de 2014.- A Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) celebrará o vindeiro venres, na sede do Comité das Rexións, en Bruxelas, un foro sobre inmigración coincidindo co Día Mundial do Refuxiado.

 

A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE, Pilar Rojo, abrirá o foro, titulado “Unha política común de inmigración para Europa”.  Á intervención de Rojo Noguera seguirá a do coordinador do grupo de traballo da CALRE sobre Inmigración e presidente da Asemblea Rexional de Sicilia, Giovanni Ardizzone.

 

O foro estruturarase en dous paneis. O primeiro analizará as “Fronteiras intelixentes ao servizo dos dereitos fundamentais” e será moderado polo secretario xeral da CALRE e letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento. Contará coa intervención de Frank Paul, xefe de unidade, asesor e xefe do grupo de forza sobre a migración irregular, as redes transeuropeas para a liberdade e seguridade e as relacións coa UE-LISA, da Comisión Europea; e Giacomo Negrotto, representante da iniciativa conxunta para o desenvolvemento e as migracións (PNUD, ONU).

 

Inmigración e integración

 

O segundo papel versará sobre “Os fluxos migratorios e integración” e actuarán como relatores Maria Luisa Casado, representante da unidade “Inmigración e integración” da Comisión Europea; e Christof Roos, catedrático de Política de Inmigración, Diversidade e Xustiza, do Instituto de Estudos Europeos da Universidade Libre de Bruxelas.

 

A conferencia rematará cun apartado de conclusións sobre a protección dos dereitos humanos  e a gobernanza a multinivel, a cargo de Luc Van den Brande, presidente da Axencia de enlace Flandes-Europa, e membro do Comité das Rexións.

 

A CALRE conta actualmente con cinco grupos de traballo: Subsidiariedade, Políticas de Cohesión, E-democracia, Inmigración, e Políticas Territoriais e Ambientais da UE.

 

Reunión do Comité Permanente da CALRE

 

Este foro foi organizado coincidindo coa celebración, tamén na sede do Comité das Rexións, do segundo Comité Permanente da CALRE, que será presidido por Pilar Rojo Noguera e no que, entre outros asuntos, se analizará un informe sobre a actividade desenvolvida polos diferentes grupos de traballo que integran a organización.

 

Ese mesmo día, Pilar Rojo iniciará a xornada reuníndose con Giacomo Negrotto, representante da iniciativa conxunta para o desenvolvemento e as migracións do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).


 


Imaxes relacionadas