Pilar Rojo valora as posibilidades da E-democracia como fórmula para incrementar a confianza dos cidadáns nas institucións

 

• A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE participa nunha reunión do grupo de traballo sobre E-democracia que se celebra no Parlamento de Andalucía

• “Un non pode valorar o que non coñece e nas nosas mans está facilitar ese camiño cara o coñecemento das nosas institucións”, afirma Pilar Rojo

• Explica en Sevilla algunhas das medidas impulsadas pola Cámara galega na procura dun maior achegamento aos cidadáns


Santiago, 13 de xuño de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, participa hoxe en Sevilla nunha reunión do Grupo de Traballo da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa) sobre E-democracia.

 

Este grupo de traballo, integrado por 18 dos 74 parlamentos rexionais da CALRE, entre eles a Cámara galega, permite o intercambio de experiencias en materia de boas prácticas parlamentarias.

 

Na súa intervención, en calidade de presidenta da CALRE, Pilar Rojo, destacou a importancia do concepto de E-democracia na gobernanza da sociedade actual, onde se configura como unha “ferramenta fundamental para promover a participación cidadá e de outras institucións no proceso de toma de decisións políticas, impulsando a interacción para incrementar a transparencia e confianza dos cidadáns nas súas institucións”. Este grupo de traballo permite o intercambio de boas prácticas, para afondar na E-democracia e na homoxeneización de criterios sobre o seu uso.

 

Novas tecnoloxías

 

Rojo Noguera amosouse convencida de que todas as institucións teñen a obriga de “implicar á sociedade e esforzarse no uso das novas tecnoloxías para ampliar e afondar nos procedementos democráticos e-participativos, facéndoos máis transparentes, inclusivos, accesibles e eficaces”.

 

Valorou a presidenta da CALRE as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías da información e a comunicación para evitar o alonxamento dos cidadáns, especialmente os máis novos, respecto da política formal e da comprensión dos procedementos de toma de decisións, o que se traduce en crise de confianza.

 

Apuntou, nesta liña, que a Comisión Europea impulsou  a “Axenda Dixital para Europa” no marco da Estratexia 2020, para impulsar unha boa gobernanza eficaz e responsable a través das novas tecnoloxías.

 

A xuízo de Pilar Rojo, “non podemos falar de E-democracia sen relacionala co principio de transparencia como forma de facilitar información veraz e de calidade que permite o achegamento dos cidadáns ás institucións. Un non pode valorar o que non coñece e nas nosas mans está facilitar ese camiño cara o coñecemento das nosas institucións”.

 

Iniciativas no Parlamento de Galicia

 

Entre as medidas impulsadas polo Parlamento de Galicia en materia de E-democracia e promoción da actividade parlamentaria destaca a posibilidade de que os cidadán efectúen achegas aos proxectos lexislativos en marcha; a transmisión de plenos e comisións; o programa de visitas guiadas á sede da institución; as actividades específicas dirixidas á poboación infanto-xuvenil (charlas divulgativas, material divulgativo específico, concurso escolar, plenos infantís e xuvenís,...), organización de foros e xornadas de temática variada, libros electrónicos, videoteca e un  amplo volume de recursos documentais dispoñibles a través da web, entre outras iniciativas.

 

Participantes

 

Participan nesta reunión do grupo de traballo de E-democracia representantes de diferentes cámaras lexislativas rexionais europeas, como as de Salzburgo (Austria), Azores (Portugal), Federación Francesa Valonia-Bruselas (Wallonie), Flandes (Flemish Parliament), Valón (Walloon Parliament), Molise (Italia), Asemblea Nacional de Gales (Reino Unido), ademais de Andalucía, Murcia, Extremadura, Asturias e Galicia.

 

O grupo de traballo da CALRE sobre E-democracia, creado en 2010, está coordinado actualmente polo presidente do Parlamento de Andalucía, Manuel Gracia; responsabilidade que recaera anteriormente no Parlamento Vasco e, logo, no Parlamento das Illas Baleares. A CALRE conta actualmente con cinco grupos de traballo: Subsidiariedade, Políticas de Cohesión, E-democracia, Inmigración, e Políticas Territoriais e Ambientais da UE.

 


Imaxes relacionadas