saltar ao contido

O Parlamento de Galicia amosa en Xinzo de Limia a exposición sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas

 
• O vicepresidente do Parlamento,. Miguel Santalices, inaugura a mostra titulada “51 páxinas das nosas letras” na casa da Cultura da localidade
 
Santiago, 6 de xuño de 2014.- O vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, inaugurou esta tarde en Xinzo de Limia a exposición “51 páxinas das nosas letras”, unha mostra itinerante organizada pola Cámara lexislativa autonómica coa colaboración da Real Academia Galega e a Xunta para render homenaxe e divulgar os autores homenaxeados ao longo do primeiro século de celebración do Día das Letras Galegas, instaurado en 1963.
 
Miguel Santalices explicou que a mostra foi concebida con vocación itinerante e logo de ser inaugurada na sede do Parlamento pasou xa pola Coruña, Ferrol, O Carballiño, Celanova, Ourense, Lugo e Madrid. Animou a todos os veciños de Xinzo de Limia a coñecer a exposición, e de maneira especial aos profesores e profesoras para que a visiten coa seu alumnado; e ás familias para que fagan o mesmo cos máis novos da casa. Estará aberta nesta localidade ata o 14 de xuño.
 
Obras de Siro López e Ferreiro Badía
 
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.
 
Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a cada peza. 
 
Complétase a mostra con paneis que dan conta das  biografías e as principais obras dos autores, textos elaborados por diferentes académicos da RAG na procura dun achegamento ao universo literario de Galicia.
 
A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta de Galicia- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras Galegas, en 1963, o que lle outorga un valor especial ao documental.
 
Recordo para Carlos Casares
 
Ao inaugurar a exposición en Xinzo de Limia, o vicepresidente do Parlamento de Galicia recordou a figura do “prematuramente desaparecido” Carlos Casares, vinculado a esta comarca desde a súa infancia.
 
“Sen ánimo de entrometerme nas competencias da Academia, doce anos despois do falecemento do autor de `Ilustrísima´ e tantos outros títulos que contribuíron a engrandecer o patrimonio literario de Galicia, si podo asegurar que para o Parlamento  sería unha honra sumar a faciana de Carlos Casares á colección de Medallas das Letras galegas da Cámara lexislativa”, asegurou Miguel Santalices.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina