saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle este martes unha campaña de doazón promovida polo Centro de Transfusión de Galicia

 
 Unha unidade móbil do CTG desprazarase mañá ata a  Cámara lexislativa para atender aos deputados e deputadas e ao persoal que desexe doar dende as 09,30 ás 14,30 horas
 
Santiago, 7 de abril de 2014.- O Parlamento de Galicia acollerá maña, martes, unha nova campaña de doazón de sangue promovida dende o Centro de Transfusión de Galicia (CTG), co obxectivo de fomentar este xesto solidario e incentivar a participación de todos os deputados e deputadas, así como de todos os traballadores e traballadoras do Parlamento.
 
A unidade móbil do CTG, que estará ubicada na entrada principal do Parlamento de Galicia, atenderá aos doadores das 09.30 ás 14,30 horas.
 
Empresas e organismos públicos

No pasado 2013, rexistráronse en Galicia 114.126 doazóns de sangue, das que, aproximadamente, o 8% correspóndense con doazóns recollidas en campañas realizadas en empresas e organismos públicos.
 
O principal obxectivo desta campaña de doazón, que achega a unidade móbil do CTG ata o Parlamento de Galicia, é convertelo nun novo punto de referencia para o desenvolvemento periódico de campañas de doazón de sangue, xa que nas seis visitas anteriores ata a Cámara galega, acadáronse un total de 139 doazóns de sangue, das cales o 27% (37 doazóns) correspondíanse con doadores de primeira vez.
 
Esta campaña de doazón enmárcase dentro do programa de captación de doadores en empresas e organismos públicos que está a desenvolver a Consellería de Sanidade, por medio do Centro de Transfusión de Galicia, conscientes da importancia da participación deste colectivo.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina