saltar ao contido

Pilar Rojo inaugura en Ourense a mostra “51 páxinas das nosas letras”

 
• A exposición, organizada polo Parlamento, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega,  rende homenaxe aos autores aos que se dedicou o Día das Letras Galegas desde hai 50 anos
 
• Pilar Rojo destaca a “potencia literaria da ourensanía”, xa que 10 dos autores homenaxeados nesta mostra naceron na provincia de Ourense
 
Santiago, 1 de abril de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou esta tarde, no Centro Cultural  Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, a exposición “51 páxinas das letras galegas”, unha mostra organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para render homenaxe aos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde súa a instauración, no ano 1963.
A mostra chega á capital ourensá logo de  pasar pola sede do Parlamento, e pola Coruña, Ferrol, O Carballiño e Celanova. “Creo que é de xustiza continuar este periplo en Ourense, patria de tantos e tan bos escritores, 10 dos cales naceron nesta provincia e reciben homenaxe nesta mostra”, afirmou Pilar Rojo antes de destacar a “potencia literaria da ourensanía”.
A presidenta da Cámara galega animou a todos os ourensáns a visitar a exposición, e moi especialmente aos mestres e mestras, para que leven aos seus alumnos e alumnas a coñecer a mostra; e aos pais e nais, para que fagan o mesmo cos seus fillos e fillas.
 
Obras de Siro López e Ferreiro Badía
 
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.
Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a cada peza. 
Complétase a mostra con paneis que dan conta das  biografías e as principais obras dos autores, textos elaborados por diferentes académicos da RAG na procura dun achegamento ao universo literario de Galicia.
A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta de Galicia- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras Galegas, en 1963, o que lle da un valor especial ao documental, en opinión de Pilar Rojo.
 
Colaboración exemplar
 
A presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración que o Parlamento atopou na Real Academia Galega e na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para poder materializar este proxecto expositivo, que considerou un exemplo de colaboración.
Recordo para as vítimas do naufraxio de Vigo
 
Ao comezo da súa intervención, a presidenta do Parlamento tivo palabras de “lembranza e homenaxe para as xentes do mar” tralo naufraxio rexistrado a pasada madrugada na ría de Vigo. “Para as vítimas, o noso recordo agarimoso; e para as súas familias, a nosa solidariedade e afecto”, dixo.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina