saltar ao contido

O Comité Permanente da CALRE aproba o programa de actividades proposto por Pilar Rojo para 2014

Persegue a posta en valor da realidade rexional europea e aposta por incrementar a colaboración coas institucións comunitarias
<p class='clearfix'></p>
 
• Persegue a posta en valor da realidade rexional europea e aposta por incrementar a colaboración coas institucións comunitarias

Santiago, 28 de marzo de 2014.- Os integrantes do Comité Permanente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) aprobaron hoxe por unanimidade o programa de traballo presentado pola actual presidenta da organización, Pilar Rojo, para o exercicio de 2014, e que ten como obxectivo o reforzamento da realidade rexional europea.
 
No transcurso dunha reunión celebrada na sede do Comité das Rexións, en Bruxelas, Pilar Rojo explicou que como presidenta da CALRE 2014 tentará reforzar a colaboración entre esta Conferencia e as institucións europeas, como o Comité das Rexións, a Comisión Europea e o Parlamento Europeo coa finalidade de poñer en valor o potencial das cámaras lexislativas rexionais para canalizar a participación cidadá e reforzar o servizo público.
 
Xestións xa iniciadas

 
De feito, Pilar Rojo xa se reuniu co presidente do Comité das Rexións na procura dunha presenza estable dos parlamentos rexionais nesta asemblea consultiva da Unión Europea; e co titular do Congreso de Autoridades Rexionais e Locais do Consello de Europa buscando incrementar a colaboración entre as dúas organizacións.
 
O programa de traballo da CALRE para 2014 tamén busca unha maior participación dos parlamentos rexionais no proceso ascendente de formación do dereito da Unión Europea, ao tempo que anima aos seus integrantes a participar na rede de control da subsidiariedade para facilitar a análise das iniciativas lexislativas europeas por parte dos parlamentos rexionais.
 
Outra das propostas do plan de traballo da CALRE 2014 busca promover iniciativas encamiñadas acadar unha maior eficacia regulatoria, analizando a incidencia da lexislación excesiva (goldplanting) e os seus efectos  adversos sobre as rexións con competencias lexislativas.
 
Plantexa tamén o plan de traballo impulsado por Pilar Rojo incrementar a colaboración entre os integrantes da CALRE -74 cámaras lexislativas que representan a 200 millóns de habitantes de 8 países distintos-, potenciando o papel da entidade como foro de debate e intercambio de experiencias.
 
Axenda
 
Na xuntanza, Pilar Rojo avanzou aos restantes membros do Comité Permanente que a Asemblea Plenaria da CALRE 2014 se celebrará en Santiago de Compostela os días 7 e 8 de novembro de 2014. Os restantes comités permanentes previstos no regulamento da CALRE celebraranse o 20 de xuño (Bruxelas) e en Santiago de Compostela (6 de novembro).
 
Eleccións europeas
 
Entre os obxectivos da CALRE 2014 destaca o de animar, desde os parlamentos rexionais, a mobilizar aos electores para que participen nas vindeiras Eleccións ao Parlamento Europeo. Nunha fase posterior, a CALRE proporá aos seus membros o desenvolvemento de outras actividades encamiñadas a divulgar dereitos cidadáns que reducirían o déficit democrático da UE, como o impulso de iniciativas lexislativas cidadás, ou o dereito de petición ou queixa ante o Defensor do Pobo Europeo.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina