saltar ao contido

O Parlamento de Galicia leva á Coruña a exposición sobre os autores homenaxeados desde a instauración do Día das Letras Galegas

 
• A mostra “51 páxinas das nosas letras” será inaugurada o martes 4 de febreiro no Centro Ágora, onde permanecerá aberta ao público ata o día 19
 
• Está organizada pola Cámara Galega coa colaboración da Real Academia e a Xunta de Galicia con vocación itinerante

Santiago, 2 de febreiro de 2014.- A exposición “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia para poñer en valor as figuras dos escritores e escritoras galegos homenaxeados durante o medio século de historia do Día das Letras Galegas, chegará este martes, 4 de febreiro, á Coruña, onde inicia un percorrido pola xeografía galega, logo de ser inaugurada na sede da Cámara autonómica o pasado 2 de decembro.
 
A mostra estará aberta ao público no Centro Cultural Ágora, da Coruña, entre o 4 e o 19 de febreiro. Está integrada por un perfil biográfico de cada un dos homenaxeados desde 1963, cando cando a Real Academia Galega, por proposta de Francisco Fernández del Riego, instaurou a celebración do Día das Letras Galegas cada 17 de maio.
 
A exposición inclúe tamén un vídeo divulgativo e cadansúa medalla (un altorrelevo en resina), obra do debuxante e caricaturista Siro López e o escultor Manuel Ferreiro Badía. Estas últimas forman parte da  colección artística do Parlamento de Galicia.
 
Itinerante
 
A mostra, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia, xurdiu con vocación itinerante, e está previsto que poda ser visitada en diferentes localidades.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina