saltar ao contido

Pilar Rojo reitera a súa aposta pola concordia “que aspiro a alimentar con mimo, cada día, desde o Parlamento de Galicia”

A presidenta do Parlamento de Galicia pechou o acto instutucional celebrado en Soutelo de Montes (Forcarei) co gallo da celebración da XXXI Edición da Festa do Gaiteiro
<p class='clearfix'></p>
 
• Estamos aquí para venerar a memoria” de Avelino Cachafeiro, e “para honrar tamén a figura de todos os gaiteiros e gaiteiras que en Galicia demostran actualmente o seu talento”, afirma a titular da Cámara galega
 
• Persoeiros como o Gaiteiro de Soutelo e tantos outros “fixeron da gaita un símbolo, un emblema do noso país, onte hoxe e sempre”

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2010.- “Por fortuna, a música, e se é de gaita mellor aínda, foi desde sempre un elemento de concordia entre as persoas. Concordia que aspiro a alimentar con mimo, cada día, desde o Paramento de Galicia, institución que me honro en representar  e que arela, a cotío, unha Galicia mellor e con máis oportunidades para todos”.
 
Son palabras da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, que este mediodía clausurou en Soutelo de Montes (Forcarei) os actos institucionais organizados co gallo da celebración da XXXI edición da Festa do Gaiteiro, que honra a figura do mítico intérprete Avelino Cachafeiro.
 
Esforzo e talento
 
A presidenta do Parlamento de Galicia valorou o esforzo e o talento de intérpretes actuais como Carlos Núñez, Budiño, Pepe Vaamonde, Edelmiro Fernández, Cristina Pato, Susana Seivane, ou Dani Bellón, por citar só algúns. Con eles, dixo, “os  gaiteiros volven ter o seu Olimpo na terra, na nosa terra, terra de gaiteiros dunha calidade excepcional”.
 
Con todo, Rojo Noguera tivo tamén un recordo para os estudosos da  gaita, como Faustino Santalices, ou para os integrantes dos diferentes grupos musicais que introduciron a gaita nas súas composicións, “contribuíndo á difusión e recoñecemento da música galega dentro e fóra das nosas fronteiras”.
 
“Estamos, aquí, para venerar e honrar a memoria do mellor embaixador da gaita que Galicia tivo nos primeiros anos do século XX e, por extensión, para honrar tamén a figura de todos os gaiteiros e gaiteiras que en Galicia demostran actualmente o seu talento e se esforzan para manter vivo o ronsel da figura de Avelino e de cantos, coma el, fixeron da gaita un símbolo, un emblema do noso país, onte, hoxe e sempre”, afirmou a presidenta do lexislativo galego.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina