Pilar Rojo reivindica a Convención sobre os Dereitos do Neno

• Coincidindo coa celebración do Día Universal do Neno, o Parlamento de Galicia acolleu o I Foro Infantil Unicef, no que participaron escolares de catro centros galegos
 
• Rojo Noguera lembra aos afectados polo tifón en Filipinas e apela á “solidariedade colectiva” para axudar “aos que nada teñen”

Santiago, 20 de novembro de 2013.- “Neste mundo da abundancia e benestar hai millóns de nenos que morren de fame e de sede”. Foi unha das reflexións da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, durante a clausura do I Foro Unicef-Parlamento de Galicia, celebrado na Cámara Galega  coincidindo coa celebración do Día Internacional do Neno, que conmemora a sinatura, en 1989, da Convención sobre os Dereitos do Neno.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento de Galicia chamou a atención sobre a importancia da Convención dos Dereitos do Neno, e o desapercibidos que estes adoitan pasar para os nenos que naceron no estado do benestar.
 
Nenos sen dereitos noutros lugares do mundo
 
“Cómpre que coñezades –dixo- que aínda hoxe hai nenos no mundo sometidos, abusados, maltratados, vendidos, escravizados. Hai cativos que nunca na súa vida viron un xoguete, nin a auga corrente, nin o mar. Nin moito menos a televisión, nin o teléfono, nin a tableta”. E que hai nenos que xa contaban con estes dereitos e que unha situación de guerra ou catástrofe os deixou sen eles”.
 
Traxedia en Filipinas
 
A presidenta do Parlamento recordou, neste sentido, aos afectados polo tifón en Filipinas, ao tempo que fixo un chamamento á “solidariedade colectiva para que cadaquén, desde as súas posibilidades, trate de achegar a súa axuda aos que nada teñen  a través das diferentes organizacións que traballan sobre o terreo, prestando asistencia directa aos afectados, como o están a facer UNICEF e tantas outras”.
 
Os alumnos e alumnas que hoxe participaron no foro infantil celebrado no Parlamento elaboraron con anterioridade traballos sobre o dereito á educación, á saúde, á igualdade e á participación.  E, como apuntou Pilar Rojo, “todo dereito conleva unha obriga”.
 
Por iso, “cando falamos do dereito á educación, temos que lembrarnos da obriga que tedes de sacar bo proveito dela”, afirmou a Presidenta do Parlamento de Galicia antes de sinalar que na actualidade hai arredor de 57 millóns de nenos sen escolarizar en todo o mundo. “Pensade neles e no privilexiados que sodes –afirmou, dirixíndose aos participantes no Pleno infantil- cando vos dea preguiza madrugar e facer os deberes; pensade nos millóns de nenos e nenas aos que lles gustaría aprender e non poden facelo”.
 
Igualdade
 
Rojo Noguera chamou tamén a atención dos asistentes sobre o dereito á igualdade, baseado nas relacións “simétricas, entre iguais”, porque “rapaces e rapazas tedes as mesmas capacidades e potencias”, “o mesmo dereito a participar na vida pública e privada en condicións de igualdade; e a obriga de facelo”.
 
Subliñou a presidenta do Parlamento que “a sociedade precisa de cidadáns participativos que aporten o mellor deles a prol do ben común”.
 
Participantes
 
O acto, celebrado no Salón de Plenos do Parlamento de Galicia contou coa participación de alumnos e alumnas Colexio La Salle, o IES Rosalía de Castro, o CPR Manuel Peleteiro e o IES Antón Fraguas. Tamén tomou a palabra o presidente de Unicef Galicia, Manuel Sández Macho.  Asistiron, ademais,  membros da Mesa do Parlamento de Galicia e representantes dos grupos parlamentarios.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas