Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 12 de novembro de 2013

4.1 1458 (09/PNP-000113)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Acuña do Campo, María Carmen e 2 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto de calquera medida que supoña desprotección contra a enfermidade por limitación dos recursos económicos no territorio galego
Publicación da iniciativa, BOPG nº 18, do 19.12.2012
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento galego maniféstase en contra e decide opoñerse a calquera medida que supoña desprotección contra a enfermidade por limitación de recursos económicos no territorio galego e así o solicita da propia Xunta de Galicia».
 
4.2 6963 (09/PNP-000520)
Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda
Sánchez García, Antón
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para evitar posibles fraudes fiscais nas operacións mercantís e transmisións patrimoniais realizadas polos grandes patrimonios e grupos económicos
Publicación da iniciativa, BOPG nº 95, do 02.05.2013

O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta ao cumprimento do Plan xeral de control tributario, no cal deberá incluír un plan específico e preferente de inspección dos grandes patrimonios
e grupos económicos para os efectos de, entre outros, a comprobación, a investigación e a inspección tributaria da realización de operacións mercantís e transmisións patrimoniais
que puidesen ter a finalidade fraudulenta de minorar o pagamento de impostos, en especial, o de patrimonio e o de transmisións patrimoniais».
 
4.5 14135 (09/PNP-000992)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Adán Villamarín, María do Carme e 3 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para o cumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e a creación dos xulgados específicos naquelas cidades que aínda carecen deles
Publicación da iniciativa, BOPG nº 187, do 29.10.2013

O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Presentar diante do Parlamento de Galicia, no exercicio de 2014, un informe de valoración desta axuda económica durante os anos da súa aplicación.
 
2. Dar cumprimento, de xeito prioritario, ao artigo 35, de “Medidas específicas no ámbito da formación e do emprego”, garantindo que as mulleres que sofren violencia de xénero sexan colectivo preferente na totalidade da normativa autonómica relativa ao establecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal e na empregabilidade en xeral.
 
3. Garantir o cumprimento dunha “atención xurídica” axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero. Garantirase que as persoas profesionais que presten estes servizos terán unha formación específica en materia de violencia contra as mulleres como requisito para o exercicio desta atención.
 
4. O Parlamento galego expresa a súa vontade de convocar á Comisión non Permanente de Estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres a diferentes asociacións, entre elas, a Asociación Vela-Luz, e no prazo máximo dun ano dende a súa constitución, examinar as circunstancias do alto índice de sobresementos provisionais, a aplicación da síndrome de alienación parental nos xulgados de violencia contra a muller, o funcionamento dos puntos de encontro familiar en Galicia, as condicións de elaboración dos informes psicosociais, e os criterios polos que apenas se conceden ordes de afastamento».
 
4.7 14287 (09/PNP-001000)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Barreira, María Julia e 14 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade
Publicación da iniciativa, BOPG nº 187, do 29.10.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a prestar todo o seu apoio e o asesoramento técnico preciso aos promotores da candidatura para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como para a posterior presentación dela ante os organismos e entidades competentes para que procedan á súa análise e, de ser o caso, á súa aprobación e declaración».
 
4.8 14299 (09/PNP-001001)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román e 6 máis
Sobre a adopción polo Goberno galego das medidas necesarias para mellorar a regulación das actividades ou tarefas que se desenvolven fóra do horario escolar nos centros educativos
Publicación da iniciativa, BOPG nº 187, do 29.10.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias tendentes a mellorar a regulación das actividades e tarefas que poden propoñer os centros educativos aos alumnos e ás alumnas para realizaren fóra do horario escolar, no marco da súa autonomía e co seu encaixe nas medidas e programas que se desenvolvan neles, de xeito que:
 
- contribúan ao adecuado desenvolvemento das competencias básicas de acordo cos distintos procesos e ritmos de aprendizaxe do alumnado.
 
- fomenten a súa responsabilidade na formación e a súa autonomía, en liña cunha cultura do esforzo e do traballo,
 
- permitan a adecuada conciliación da vida persoal e familiar, con respecto aos tempos de lecer do alumnado».
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

 

Imaxes relacionadas