A ONCE entrega ao Parlamento de Galicia un exemplar do libro "Aniversarios de ilusión"

• A publicación enmárcase no 75 aniversario da ONCE e o 25 da súa Fundación
 
• A ONCE e a súa Fundación trasladan á presidenta do Parlamento o seu agradecemento pola confianza depositada polos galegos nesta organización

Santiago, 7 de novembro de 2013- A ONCE entregou hoxe á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, un exemplar do libro "Aniversarios de ilusión" . O delegado territorial de ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, e a presidenta do Consello Territorial de ONCE-Galicia, Dolores Venancio, entregaron o volume, que recolle o labor desenvolvido por ambas as dúas institucións, que cumpren 75 e 25 anos, respectivamente.
 
Esta iniciativa enmárcase nos distintos actos que a ONCE e a súa Fundación realizan durante este ano 2013 coincidindo cos  dous aniversarios, para agradecer á sociedade galega e a todos os cidadáns o apoio e a confianza que teñen na ONCE e a súa Fundación.
 
A entrega deste libro ao Parlamento de Galicia é tamén unha homenaxe aos que dende os seus escanos apoiaron o traballo da ONCE e a súa Fundación.
 
“Fazaña sen comparación”
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, agradeceu a visita de hoxe e valorou a historia recomplicada neste libro,  “unha fazaña iniciada en 1938, sen comparación en ningún outro lugar do mundo” e que ofrece como resultado a actual ONCE. Posteriormente, hai 25 anos, a solidariedade dos cegos canalizouse a través da Fundación ONCE, que neste cuarto de século xerou máis de 80.000 empregos para persoas con discapacidade, segundo os datos da organización.
 
“Vimos ao Parlamento coa intención de agradecer á sociedade galega a confianza, o apoio e o respaldo que temos sentido todos estes anos. Queremos que os cidadáns saiban que os sentimos moi preto da ONCE. Sentimos o seu respaldo e o seu apoio a favor da inclusión das persoas con discapacidade na sociedade”, afirmou o delegado territorial da ONCE en Galicia,  Manuel Martínez Pan.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas