saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia

Bangladesh rexistrou, nos últimos meses, graves accidentes relacionados coa industria téxtil. Todos cun elevado número de vítimas: 112 mortas e mortos en novembro de 2012, sete en xaneiro deste ano, máis dun milleiro no derrubamento da fábrica Rana Plaza en abril e aínda, o día oito deste mes de maio, sete persoas en Dacca. Non se trata de acontecementos puntuais, senón que se repiten con demasiada frecuencia. Nos últimos anos hai documentadas, polo menos, 1.800 mortes neste tipo de incidentes, debidos antes de máis á falta de medidas de seguridade nas fábricas. É dicir, a cobiza sen límites e a explotación do ser humano provocan catástrofes que poderían, doadamente, ser previstas e evitadas. Pero é que, ademais, estas factorías accidentadas confeccionaban roupa para as grandes marcas europeas. De feito, o Parlamento Europeo adoptou a resolución 2012/2908 (RSP) sobre as vítimas en incendios de fábricas téxtiles, na que insta o Goberno de Bangladesh e as empresas que contratan ou subcontratan con estas compañías a resolver esta terrible situación.
 
O Parlamento de Galicia expresa o seu pesar pola perda de vidas humanas nos accidentes en fábricas da confección téxtil, e quere transmitir as súas condolencias ás familias das vítimas e o seu apoio ás persoas feridas. Ao mesmo tempo, esixe ás empresas galegas e estatais que subcontratan pedidos ás factorías téxtiles en Bangladesh e outros países que apliquen prácticas de produción con responsabilidade social e garantan que os seus produtos se elaboren respectando normas de seguridade e co cumprimento estrito dos dereitos humanos. A Cámara galega aconsella, como recolle o texto adoptado polo Parlamento Europeo, que todas as empresas transnacionais radicadas en Galicia ou que teñen actividade comercial no noso país asinen o Acordo de seguridade e incendios nas fábricas de Bangladesh. Este documento compromete a sindicatos internacionais, sindicatos locais, ONG e empresas a establecer medidas de seguridade nas fábricas con mecanismos de inspección independente, a promover a transparencia sobre provedores e fábricas subcontratadas polas empresas participantes, á revisión e mellora da lexislación en materia de seguridade e ao asesoramento para autoridades en seguridade nas fábricas.
 
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2013

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina