Continúa aberto ata o 18 de abril o prazo para a presentación de traballos do concurso escolar do Parlamento de Galicia

• “O Parlamento á escoita” é o lema do concurso escolar deste ano, que conta con tres modalidades abertas ao  alumnado de todos os cursos do ensino obrigatorio
 
• A iniciativa pretende estimular o traballo en equipo e para iso premiará aos alumnos dos grupos gañadores, ás súas clases, aos profesores supervisores e aos centros educativos
 
Santiago, 7 de abril de 2013.- Os centros educativos interesados en participar no concurso escolar do Parlamento de Galicia dispoñen de prazo ata o vindeiro 18 de abril para a presentación dos seus traballos.
 
 “O Parlamento á escoita” é o lema da terceira edición deste  concurso convocado pola Cámara galega.
 
A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, anima á comunidade escolar de Galicia a participar no concurso. Con esta iniciativa,  preténdese que os escolares galegos trasladen ao Parlamento a súa visión sobre a realidade que os rodea, a que perciben a cotío cando se dirixen da casa á escola e que abrangue todo tipo de aspectos, desde o tráfico e a seguridade viaria, o contorno urbano ou rural no que viven, ou o medio ambiente, entre outras posibilidades.
 
O Parlamento de Galicia quere impulsar tamén o traballo en equipo e, por iso, os orixinais que se presenten a concurso deberán ser colectivos, elaborados por grupos de entre 2 e 5 alumnos.
 
A preselección inicial dos traballos realizarase no propio centro, de xeito que cada clase só poderá concursar cun único orixinal. Cada centro educativo poderá enviar ata un máximo de cinco traballos por cada modalidade do concurso.
Modalidades
 
O Concurso Escolar do Parlamento de Galicia estrutúrase en tres modalidades:
 
• Imaxina a pintura, orientado ao alumnado de infantil, de 1º, 2º e 3º de Educación primaria e de educación especial.
• Escribe o teu conto, para alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de secundaria.
• E Exprésate, no que alumnos de 3º e 4º de secundaria
poderán participar con traballos de expresión libre en calquera soporte (vídeo, fotografía, spot publicitario ou calquera outro traballo que poda ser publicado nunha páxina web).
 
Premios
 
As bases deste concurso contemplan os seguintes premios:
 
• Para o alumnado do grupo gañador:
– Imaxina a pintura: Nintendo DS, xogo sobre a arte de pintar e lote de libros.
– Escribe o teu conto:  ordenador portátil e un lote de libros.

– Exprésate: ordenador portátil e un lote de libros.
 
• Para a clase do grupo gañador: excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro.
 
•  Para o profesor ou profesora que supervise o traballo do grupo gañador: unha táboa dixital.
 
• Para o centro educativo do grupo gañador: un agasallo de 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar
 
• Para o grupo finalista: MP4 e un lote de libros para cada un dos alumnos e o/a profesor/a supervisor/a do traballo.

As bases do concurso poden consultarse na web do Parlamento de Galicia: www.parlamentodegalicia.es

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

 

Imaxes relacionadas