saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle un Pleno infantil, no que Pilar Rojo anima aos rapaces a esforzarse na súa formación

O Hemiciclo foi o escenario da clausura do programa educativo “Os valores desde Aldeas Infantiles SOS”, que neste curso 2009-2010 acada a súa XII edición
<p class='clearfix'></p>
 
 
 
• “De que vos esforcedes ou non  vai depender, en gran medida, o voso éxito futuro”, subliña a titular da Cámara galega
 
• Convida aos rapaces a afondar no coñecemento das institucións e insiste en que “con todas as súas imperfeccións, a democracia parlamentaria é o mellor sistema de organización social de cantos coñecemos”

Santiago, 3 de xuño de 2010.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía, un pleno con escolares, organizado co gallo da clausura do programa educativo “Os valores desde Aldeas Infantiles SOS”, que neste curso, 2009-2010, acada xa a súa décimo segunda edición. Abriu a sesión a presidenta da Cámara, Pilar Rojo Noguera, cunha intervención na que chamou a atención sobre a “extraordinaria transcedencia” da etapa de formación.
“Aínda que o que vou dicir vos poda parecer un “rollo” - afirmou Pilar Rojo dirixíndose aos escolares presentes no Salón de Plenos-, podedes estar seguros de que estes anos de formación nos que estades inmersos son e van ser moi importantes na vosa vida. De que vos esforcedes, ou non, agora vai depender, en gran medida, o voso éxito futuro. E cando falo de éxito non me refiro só ao éxito profesional, que tamén, senón ao éxito persoal que supón a certeza de vivir en coherencia coas vosas conviccións, principios e valores”.
Esforzo, como garantía de éxito
Nesta liña, a titular do Lexislativo galego apelou á importancia do esforzo persoal do estudantes, porque “canto mellor sexa a vosa formación, maiores serán por suposto, as garantías de inserción laboral, pero tamén do voso desenvolvemento integral como persoas”.
Reivindicou, ademais, Rojo Noguera a vixencia da educación integral, “tanto no plano dos coñecementos, que terán utilidade no mundo profesional, como no ámbito dos valores, malia que vivamos nun mundo no que, en ocasións, a ética semella estar en retroceso”. Aí radica, a xuízo da presidenta do Parlamento, “a importancia de que escoitedes sempre a vosa conciencia, e vos esforces en formala sobre a base de principios éticos sólicos, os únicos que garanten unha auténtica plenitude persoal”.
Invitación a coñecer as institucións democráticas
Na súa intervención, a presidenta da Cámara galega reiterou que o Parlamento de Galicia é “a vosa casa” e animou aos participantes neste programa a coñecer o funcionamento das institucions democráticas.
O Programa “Os valores desde Aldeas Infantiles SOS” dispuxo, para o curso que agora remata, de materiais didácticos orientados  a facilitar a comprensión e asimilación, por parte do alumnado, de tres valores: bondade diálogo e paz.
A sesión plenaria infantil celebrada hoxe na sede do Parlamento de Galicia contou tamén coa intervención da presidenta de Aldeas Infantiles, Rosa María Freire Pichin; de cadanseu estudante dos colexios Virxe do Rocío, de Vigo; Maestre Vide, de Ourense; Galén, de Lugo; e  Pío XII, de Santiago.
Tamén participou un representante de cada grupo parlamentario: Carme Adán, do Grupo do BNG; Carmen Cajide, do Grupo Socialista; e Román Rodríguez, do Grupo Popular. Pechou a sesión o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Xesus Vázquez Abad.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina