A presidenta do Parlamento convoca aos portavoces dos grupos políticos para abordar os últimos feitos rexistrados na Cámara

• Pilar Rojo ofrece man tendida para o diálogo, pero reitera a súa obriga de defender o Estado de Dereito e o normal funcionamento da Cámara

Santiago, 31 de xaneiro de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, convocou aos portavoces dos catro grupos políticos representados na Cámara a unha reunión que se celebrará este venres no seu despacho para abordar os “graves” feitos rexistrados na institución, especialmente no último Pleno.
 
Pilar Rojo explicou esta mañá que, como dixera no Pleno,  está aberta ao diálogo  “como sempre o estiven”, ao tempo que agarda que os grupos acudan con “vontade de diálogo e acordo para evitar que feitos como os que teñen acontecido se volvan repetir no Parlamento de Galicia”.
 
Obriga de defender o Estado de Dereito
 
Ese espírito de “man tendida permanente” vai acompañado, segundo a presidenta da Cámara, da súa obriga de “defender o Estado de Dereito, porque niso consiste a democracia; defender e garantir o normal funcionamento da Cámara; garantir que os deputados e as deputadas podan exercer o seu traballo en liberdade e sen presións de ningún tipo”.
 
Inviolabilidade do Parlamento
 
Rojo Noguera reiterou a súa defensa da “inviolabilidade do Parlamento e as normas constitucionais e estatutarias que todos nos temos dado”.
 
A presidenta da Cámara instou aos grupos a recapacitar sobre o sucedido, dado que os feitos rexistrados no Pleno “fraco favor lle fan ao Parlamento de Galicia e á democracia parlamentaria”.
 
Sobre outras posibles decisións, Pilar Rojo sinalou que é necesario analizar todos os informes porque entende que “as decisións nunca se deben tomar sen ter todos os datos e sen facer as reflexións oportunas”.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

 

Imaxes relacionadas