saltar ao contido

Pilar Rojo apela ao “exemplo do consenso da transición” e reivindica a estabilidade institucional forxada pola Constitución

 
• A presidenta do Parlamento de Galicia clausurou a exposición “A Coruña-Cádiz. La Constitución Hermana 1812-2012”
 
Santiago, 26 de xaneiro de 2013.- “O exemplo de consenso que alumeou a transición continúa tan vixente agora como daquela, do mesmo xeito que non me cansarei de reivindicar a plena actualidade do marco de convivencia articulado na nosa Constitución, na que hai sitio para todos”.
 
É unha reflexión da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, no transcurso do acto de clausura da exposición”A Coruña-Cádiz. La Constitución Hermana 1812-2012”, celebrado este mediodía na cidade herculina coa asistencia do alcalde da cidade, Carlos Negreira, entre outras autoridades.
 
Poñer en valor o texto constitucional
 
Rojo Noguera reivindicou a plena vixencia da letra e do espírito da vixente constitución española botando man da historia. “Nun tempo no que, ás veces, se cuestionan principios fundamentais recollidos na Constitución, e no que mesmo nos esquecemos de que o gran consenso de 1978 nos permite disfrutar de case 35 anos ininterrompidos  de estabilidade institucional, non estaría de máis tomar exemplo dos que dous séculos atrás, en vilas e cidades, se esforzaron en poñer en valor a Carta Magna gaditana”.
 
Sobre a Constitución de Cádiz, Pilar Rojo sinalou que pese a non ser unha norma lonxeva, si foi “pioneira” no máis amplo sentido. “Foi a primeira constitución da historia de España, introduciu os valores do constitucionalismo moderno (soberanía nacional, división de poderes, igualdade, representación, liberdade, ...) e ´funda a nación española no sentido moderno do termo nación´, como explicou recentemente o profesor Blanco Valdés”, agregou a presidenta do Parlamento de Galicia.
 
Estabilidade institucional
 
Recordou tamén a oradora que pese ás dificultades do momento, “España atravesa a etapa de maior estabilidade democrática da súa historia” gracias aos valores consagrados na Constitución de 1978, “que desenvolve e consolida algúns dos principios plasmados xa na de 1812”.
 
“Unha e outra (as constitucións de 1812 e a de 1978) buscaban unha modernización integral de España, se ben só a segunda foi capaz de conseguilo”, apuntou Rojo Noguera.
A presidenta do Parlamento de Galicia felicitou tamén á Asociación da Prensa da Coruña, organizadora da mostra hoxe clausurada, por unha exposición “tan oportuna como coidada”; e ao Concello da Coruña  “polo acerto de promover a iniciativa”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina