Pilar Rojo reivindica a concordia como valor parlamentario e anima a edificar unha sociedade “con principios renovados”

• A presidenta do Parlamento de Galicia descobriu unha placa conmemorativa tres décadas despois do traslado da Cámara á que foi a súa segunda sede provisoria durante preto de sete anos
 
• Agradece a hospitalidade brindada pola Universidade de Santiago ao Parlamento cando este carecía de sede e “todo ou case todo estaba por facer”
 

Santiago, 29 de xuño de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, acompañada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, e outras personalidades, descobriu esta mañá unha placa conmemorativa do paso da Cámara galega polo Pazo de Fonseca, que durante case sete anos foi sede provisoria do lexislativo galego.
 
O acto tivo lugar un día antes de que se cumpran 30 anos do primeiro pleno celebrado polo Parlamento de Galicia no Pazo de Fonseca, onde tivo a súa segunda sede provisional entre o 30 de xuño de 1982 e o 21 de febreiro de 1989. A primeira sede, o Pazo de Xelmírez, acollera previamente á Cámara galega que o 19 de decembro de 1981 celebrou a primeira sesión constitutiva da institución.
 
Rojo Noguera explicou que con este acto en Fonseca, o Parlamento de Galicia busca “deixar pública constancia do noso fondo agradecemento á Universidade de Santiago de Compostela”.
 
Agradecemento  pola “hospitalidade” brindada nun momento no que o Parlamento carecía de sede material, pero gratitude, tamén, “polo elevado valor simbólico da cesión, efectuada por unha institución cinco veces centenaria, a un Parlamento  no que, daquela, todo ou case todo estaba por facer, nunha época de grande ilusión pero tamén de certas dúbidas e desconfianzas ante a necesidade de asentar as institucións previstas no Estatuto de Autonomía”.
 
Retos realizables
A titular do lexislativo galego sinalou que, máis aló da necesidade de  articular un clima de “confianza recíproca entre as institucións e os cidadáns”, o momento actual presenta “retos novos e desafiantes, pero de materialización posible”.
 
Ente eses desafíos, referiuse  á “edificación dunha sociedade con principios renovados; unha sociedade que preserve o estado de benestar no que todos cremos e que todos desexamos mellorar, unha sociedade na que a concordia, que reclamo sen desmaio para a institución parlamentaria, o impregne todo; unha sociedade, en suma, aberta, plural e solidaria”.
 
O acto desenvolvido esta mañá no Pazo de Fonseca contou coa asistencia de deputados que formaron parte da primeira e segunda lexislatura do Parlamento de Galicia; os expresidentes da Xunta Fernández Albor e González Laxe;  o expresidente do Parlamento Pérez Vidal, así como portavoces e membros da Mesa da Cámara, entre outros.
 
 

Imaxes relacionadas