Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27.06.2012

4.1  08/PNP-0489 (29907)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santalices Vieira, Miguel Ángel, e tres deputados máis

Sobre as actuacións para levar a cabo en relación cos familiares de pacientes con enfermidades mentais
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 210, do 14.04.2010

O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento insta a Xunta de Galicia a:

1.- Ensinar o manexo e o entendemento, a través da oportuna información divulgativa e da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, dos síntomas de crise e a sobrelevar as enfermidades das persoas que están ao seu cargo.

2.- Recoñecer o grao de dependencia nos casos que proceda.

3.- Defender os dereitos dos que teñen enfermos ao seu cargo."

4.2  08/PNP-1628 (78339)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Soneira Tajes, María Soledad, e Méndez Romeu, José Luis

Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coas modificacións introducidas na  Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, no dereito e na forma de emitir o voto os cidadáns españois residentes no exterior nos procesos nacionais e autonómicos
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 650, do 29.02.2012

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para que, en relación co exercicio do dereito a voto dos españois residentes no exterior, promova a modificación da Lei orgánica de réxime electoral xeral. para que:

1.- Os cidadáns españois residentes no exterior dispoñan das mesmas condicións, para exercer o seu dereito a voto, ca o resto de cidadáns, e poidan suprimir a obrigatoriedade de "rogar" o voto.

2.- Estableza as condicións que fagan posible o voto presencial, en urna, dos electores residentes no exterior, co establecemento de colexios electorais o máis próximos posible ao seu lugar de residencia, tales como casas e centros españois, centros rexionais, oficinas dependentes do Goberno e das comunidades autónomas no exterior, así como nos buques mercantes e de pesca, de altura e gran altura, de bandeira española, que na xornada electoral se atopen en alta mar.

3.- Estableza os mecanismos técnicos e legais que permitan a actualización permanente do Censo de Españois Residentes Ausentes (CERA), para que reflicta, fidedignamente, o padrón dos españois residentes no exterior.

4.- Se adecúen os prazos do proceso electoral no exterior á realidade xeográfica e social dos países de residencia.

5.- Introduza o voto electrónico como mellor e máis axeitada fórmula para o exercicio do dereito constitucional a votar, tanto para os residentes no exterior coma para os traballadores do mar e outros colectivos que, por razón de residencia ou traballo, se atopen fóra do territorio nacional durante a xornada de votación.

6.- Se busquen as fórmulas xurídicas e políticas que fagan posible, se é o caso, o establecemento de circunscricións electorais no exterior que faciliten a representación directa dos residentes no exterior e o voto persoal en urna”.


4.3  08/PNP-1852 (83305)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Álvarez Chao, María Emma, e seis deputados máis

Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego co fin de defender os intereses dos socios das cooperativas lácteas de Galicia fronte ás imposicións das industrias e dos grupos distribuidores
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 706, do 05.06.2012

 
O texto aprobado é o seguinte:

"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

1.-    Fomentar a creación dunha única estrutura que englobe a todas as cooperativas lácteas en Galicia que aglutine os distintos proxectos cooperativos lácteos existentes na nosa Comunidade co fin de defender de forma máis eficaz os intereses dos seus asociados, en especial fronte ás imposicións da industria e dos grupos distribuidores .

2.-    Respaldar e prestar o apoio técnico específico necesario para o asesoramento deste proceso".

 


Imaxes relacionadas