Pilar Rojo considera a maioría feminina do Parlamento de Galicia como un “feito natural”, froito da evolución da presenza da muller nos diferentes ámbitos

• Recibiu na Cámara galega a un grupo de mulleres que participan estes días en Galicia no encontro Europa Alive

Santiago, 7 de xuño de 2012.- A maioría feminina do Parlamento de Galicia (38 deputadas e 37 deputados), constitúe, en opinión da presidenta da Cámara, un “feito natural, froito desa evolución desexable, pero tamén imparable, no que se refire á presenza da muller nos diferentes ámbitos profesionais e de decisión”. Son declaracións da presidenta da Cámara galega,  Pilar Rojo, no trancurso dunha recepción que ofreceu este mediodía a un grupo de mulleres que participan no Encontro Europa Alive, integrado na European Union of Women (EUW).
 
Na súa intervención ante un grupo de mulleres comprometidas coa necesidade de resaltar o rol femenino en Europa e procedentes de diferentes países europeos (Suiza, Suecia, Gran Bretaña, Alemania e Estonia) e tamén españolas, Pilar Rojo reiterou a súa preocupación pola igualdade.
 
Esforzarse cada día
Recoñeceu a presidenta do Parlamento de Galicia que  “temos avanzado moito en termos de igualdade nos últimos anos, pero faltaría á verdade se non admitise que necesitamos seguir esforzándonos cada día para que a presenza feminina acade todos os ámbitos e se corresponda co noso peso demográfico real”.
 
Educación e igualdade
Nesta liña, Rojo Noguera chamou a atención sobre a relación entre educación e igualdade. “Unha das claves para apuntalar ese avance reside en educar en igualdade, desde a infancia, e nos diferentes entornos, desde o familiar ao educativo”, aseverou.
 

 

Imaxes relacionadas