A web do Parlamento de Galicia ofrece aos cidadáns a posibilidade de formular suxestións a 7 proxectos lexislativos


• Os comentarios recibidos son trasladados aos integrantes de cada unha das ponencias a través dos servizos xurídicos
 
• Publícanse todos os comentarios, agás os de carácter ofensivo ou os enviados sen remitente
 
• Pilar Rojo anima aos cidadáns a utilizar esta ferramenta que achega o labor da Cámara lexislativa ao conxunto da sociedade

Santiago, 29 de abril de 2012.- A páxina web do Parlamento de Galicia ofrece actualmente a posibilidade de que que calquera cidadán poda efectuar comentarios ou suxestións en relación co contido dos sete proxectos lexislativos que se atopan en tramitación na actualidade.
 
Os proxectos lexislativos pódense consultar no apartado de Participación da web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/ContenidoGal/ParticipacionCidada/default.aspx) e os comentarios recibidos, unha vez revisados, son publicados na propia páxina e remitidos aos servizos xurídicos da Cámara que, á súa vez, os trasladan aos integrantes de cada unha das ponencias encargadas da elaboración de cada lei.
 
Todos os comentarios son publicados, agás os de carácter ofensivo ou os que sexan enviados sen remitente.
Na actualidade, a web do lexislativo galego ofrece aos cidadáns o contidos dos seguintes proxectos lexislativos:
 
• Proxecto  de lei de vivenda de Galicia
 
• Proxecto de lei de xuventude de Galicia
 
• Proxecto de lei de montes de Galicia
 
• Proxecto de lei de bibliotecas de Galicia
 
• Proposición de lei de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e Finanzas
 
• Proposición de lei de montes veciñais en man común
 
• Proposición de Lei de iniciativa lexislativa popular para a creación e regulación da área metropolitana de Vigo
 
Rojo anima a participar
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, anima aos cidadáns a utilizar esta posibilidade que ofrece a web da Cámara para consultar os contidos das propostas lexislativas que se atopan en fase de tramitación e a participar enviando propostas ou opinións que serán finalmente postas a disposición dos lexisladores.
 
A xuízo de Rojo Noguera, esta ferramenta contribúe a achegar o labor da Cámara ao conxunto da sociedade, dinamizanzo a relación entre o poder lexislativo e os cidadáns.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 

Imaxes relacionadas